Unha estación de bombeo do Grove colapsa dúas veces en 25 días polo uso indiscriminado de toalliñas

O consistorio pide aos veciños que deixen de tiralas polo sumideiro para evitar un dano "económico e medioambiental" que, avisan, pode rematar destruíndo a "riqueza" do municipio.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/06/2020 | Actualizada ás 14:20

Comparte esta noticia

O Concello do Grove pide aos seus veciños que deixen de tirar toalliñas húmidas polo sumideiro para evitar a incidencia deste refugallo sobre as súas costas logo de que a estación de bombeo colapsara dúas veces en 25 días. O consistorio fai fincapé no dano medioambiental pero tamén no custo económico que acarrexa esta práctica.

Imaxe do cesto da planta de bombeo antes da limpeza
Imaxe do cesto da planta de bombeo antes da limpeza | Fonte: Concello de O Grove

"As toallitas van parar directamente ás bombas de impulsión, onde se enredan polos filamentos cos que están creadas", explican. "Isto detén as bombas e provoca que se queimen, o cal supón grandes gastos para reparalas ou mesmo substituílas".

A este respecto, o municipio chama a ter en conta que aínda que algunhas compañías se anuncien como "biodegradables", o proceso de desintegración "pode tardar meses, tempo suficiente para que cheguen ás bombas", á marxe do perxuízo sobre a flora e fauna da contorna.

"O colapso do sistema de augas aumenta os custos de mantemento e a contaminación causada terá consecuencias inmediatas, arruinando o noso principal capital: a riqueza medioambiental", sinalan.

A petición do consistorio á cidadanía chega logo que a estación de Porto de Meloxo colapsase por segunda vez en 25 días debido á grande cantidade de toallitas aloxadas no cesto do mecanismo, que tivo que ser limpado de novo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta