Falar de terrorismo para non falar da vida

Xa está ben de muñir a vaquiña do terrorismo! O PP presentou esta semana no Parlamento de Galicia unha proposta para facer outra condena institucional do terrorismo. Sexamos serios, cantos cidadáns coñece vostede, amable letor ou letora, que estén a defender o uso da violencia para defenderen a sú ideoloxía, a súa relixión ou os seus ideais políticos?

Por Félix Soria | A Coruña | 27/01/2013

Comparte esta noticia
Non somos nenos pequenos, non viaxamos da Coruña a Lugo pasando por Tui, nin de Vigo a Ourense facendo unha paradiña en Ribadeo. Agás os inxenuos, os amigos de estudar o sexo dos anxos e os autores deste enésimo bis, ninguén ignora que coa súa proposta o PP tenta que vostede máis eu, a súa familia e a miña, os seus amigos e os meus e a sociedade galega no seu conxunto se meta nun beco que, lóxicamente, leva a ningures.
 
Por que? Porque unha sociedade perdida en ningures durme mellor e, xa que logo, é máis doada de gobernar.
 
Un partido que ata a semana pasado non foi quen de pechar o despacho que tiña Bárcenas na rúa Xénova, é lóxico que aplique a táctica de falar por falar e pretenda centrar o debate político e a actividade do poder lexislativo en zonas que están moi claras pero que a segundo quen interesa presentar como una zona escura.
 
Nesa liña, a de falar por falar o seguinte paso pode ser que a Cámara galega perda o tempo condenando a violencia machista, os roubos, as estafas, os abusos sexuais, o desemprego, a pornografía infantil, a condución temeraria, etcétera e etcétera, ata converter o poder lexislativo nun altofalante dos desexos que compartimos preto do cento por cento dos galegos. O listrado de cousas nas que hai consenso é longa, de xeito que os deputados falen por falar en contas de poñer coto á ruina demográfica, cultural e económica do país.
 
Prefiro non entrar no sectario concepto de terrorismo que teñen algúns dirixentes do partido que aínda non condenou aos que fixeron do terror unha ferramenta de goberno, mesmo para roubar. Limitareime a subliñar que nengunha das persoas coas que teño trato (militantes ou simpatizantes do PP, Anova, FPG, PSdeG, CxG, Nós-UP, UPyD, BNG, EU, empresarios, sindicalistas, dependentes de comercio, labregos, autónomos, parados, estudantes, vaqueiros, bancarios, albaneis, xornalistas, profesores de ensino básico, medio e superior, informáticos, profesionais do transporte), ¡nengunha!, precisa neste intre (de feito, non o precisan desde hai xa moitos anos) que o Parlamento de Galicia condene o terrorismo.
 
Que pensar da insistencia dalgúns en falar do que xa temos falado mil veces?
 
Non haberá ninguén no PP que se dea conta de que na actual situación socio-económica outra innecesaria condena institucional do terrorismo transmitirá a mesaxe de que os deputados choran polo gran no cú para esquecer o cancro?

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Félix Soria Félix Soria (Lugo, 1953) é xornalista e reside na Coruña desde o 2001. Estudou Filosofía e Letras e Dereito en Barcelona, onde viviu 28 anos, e tamén en Andalucia, Bélxica, Castela e Francia. Traballou ou colaborou con medios cataláns, andaluces, galegos e unha axencia francesa. Como xornalista, especializouse en información local, económica, xeopolítica e da Unión Europea, como correspondente en Bruxelas durante 6 anos. É o administrador do blogue http://im-pulso.blogspot.com.es/