Temas: FRASEOLOXíA

“[Non] Facer (bo) pan”, “[non] facer boa masa” ou "[non] facer xeira", equivalentes a “[no] hacer buenas migas”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 05/07/2020 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Para nos referirmos á circunstancia de que dúas (ou mesmo máis) persoas concordan en carácter, personalidade ou forma de ser, o cal normalmente leva a que teñan un bo trato e se caian ben, o máis habitual é que recorramos ó emprego da frase feita facer boas migas. De igual xeito, de se dar a circunstancia máis ou menos contraria (isto é, aquela en que non hai afinidade de caracteres, personalidade nin forma de ser), adoitamos empregar a dita frase feita en negativo, isto é, non facer boas migas.

Unhas hogazas de pan de sementes no mostrador dunha panadaría.. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo
Unhas hogazas de pan de sementes no mostrador dunha panadaría.. Óscar Canas - Europa Press - Arquivo

Se prexuízo de que a Real Academia Galega recolla nun futuro a referida frase no elenco normativo do galego (inda que, cando menos pola documentación que nós estivemos a manexar, a primeira impresión que nos dá é que non se trata dunha secuencia alá moi enxebre), si que é certo na nosa lingua contamos tanto con expresións fraseolóxicas coma con simples voces léxicas que dan conta desas mesmas circunstancias. Vexamos, cando menos, algunhas delas:

[No] Hacer buenas migas

[No] Hacer buenas pajas

{= [Non] Concordaren dúas ou máis persoas en carácter, personalidade ou forma de ser, o que normalmente leva a que (non) teñan moito trato e (non) se caian ben.}

[Non] Facer (bo) pan

[Non] Facer boa masa

[Non] Facer xeira

[Non] Facer bo caldo

[Non] Facer (boa) fariña

[E MESMO]:

[Non] Facer boa liga

Ex.: En el equipo temían que se fuese a dar una lucha de egos, y la verdad es que ambas estrellas nunca hicieron buenas migas.

No equipo temían que se fose dar unha loita de egos, e o certo é que ambas as estrelas nunca fixeron (bo) pan nunca fixeron boa masa nunca fixeron xeira nunca fixeron bo caldo nunca fixeron (boa) fariña nunca fixeron boa liga.

Ex.: Tenían miedo por su adaptación al nuevo colegio, pero parece que ha hecho buenas migas con sus compañeras.

Tiñan medo pola súa adaptación ó novo colexio, pero parece que fixo (bo) pan coas súas novas compañeiras que fixo boa masa coas súas novas compañeiras fixo xeira coas súas novas compañeiras fixo bo caldo coas súas novas compañeiras fixo (boa) fariña coas súas novas compañeiras fixo boa liga coas súas novas compañeiras.

● Tamén, como formas léxicas que dan conta da mesma significación:

[Non] Darse (ben) && [Non] Leirar (ben) && [Non] Ditar (ben) && [Non] Riscar (ben) && [Non] Alpeirar (ben) && [Non] Apaxuar (ben) && [Non] Axugar (ben)

Ex.: No equipo temían que se fose dar unha loita de egos, e o certo é que ambas as estrelas nunca se deron (ben) [entre si # unha coa outra] leiraron (ben) [entre si # unha coa outra] nunca ditaron (ben) [entre si # unha coa outra] nunca riscaron (ben) [entre si # unha coa outra] nunca alpeiraron (ben) [entre si # unha coa outra] nunca apaxuaron (ben) [entre si # unha coa outra] nunca axugaron (ben) [entre si # unha coa outra].

Ex.: Tiñan medo pola súa adaptación ó novo colexio, pero parece que se deu (ben) coas súas novas compañeiras que leirou (ben) coas súas novas compañeiras que ditou (ben) coas súas novas compañeiras que riscou (ben) súas novas compañeiras que alpeirou (ben) coas súas novas compañeiras que apaxuou (ben) coas súas novas compañeira que axugou (ben) coas súas novas compañeiras.

● E inda tamén, en contextos:

[Non] Llevarse bien

[Non] Levarse (ben)

Ex.: No equipo temían que se fose dar unha loita de egos, e o certo é que ambas as estrelas nunca se levaron (ben) [entre si # unha coa outra].

● Tamén, axeitadas en certos contextos, e só empregadas con sentido negativo (isto é, dando a entender que non fan bo pan ou boa masa):

Non coller/caber nunha cesta dúas ou máis persoas && Non coller/caber nun fol dúas ou máis persoas

Ex.: En la boda no se te ocurra colocarlos en la misma mesa, que no hacen buenas migas.

Na voda non se che ocorra colocalos na mesma mesa, que eses dous non fan (bo) pan non fan boa masa non fan xeira non fan bo caldo non fan (boa) fariña non fan boa liga non collen nunha cesta que eses dous non caben nun fol.

● E incluso tamén, en certos contextos bastante limitados ou acoutados, dando basicamente a entender que dúas persoas non teñen os mesmos gustos ou as mesmas opinións, ou que non están case nunca de acordo:

Un tira para a canga e outro para a mulida

● E inda, unicamente no sentido positivo, en certos contextos, e adoitando indicar (inda que non só) que dúas ou máis persoas conxenian para facer trasnadas:

Facer un pan de relón coma trigo && Facer un pan coma (un) queixo

NOTAS:

1. Nótese, en relación coa expresión [non] facer (boa) fariña, a seguinte paremia, rexistrada por Fernando Groba Bouza na súa contribución “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es” (Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades): dúas pedras duras non fan (boa) fariña: “Refírese a que dúas persoas que teñen un carácter forte ou que teñen carácteres moi distintos ou opostos nunca se levarán ben ou non farán nada xuntas. Eses dous non se levan nada ben. Sempre están a berregar. Está claro que dúas pedras duras non fan fariña”.

2. Polo que atangue ás voces leirar, ditar e riscar (todas elas de recolleita oral, pero que non temos como formas de noso), en principio dános a impresión de que o seu acompañamento co adverbio ben dáse basicamente cando se utilizan en enunciacións positivas (isto é, leirar ben, ditar ben e riscar ben), mentres que cando se empregan en enunciacións negativas (ou sexa, non leirar, non ditar ou non riscar) a porcentaxe de emprego do dito adverbio parece que tende a reducirse.

3. A voz apaxuar (ó igual ca alpeirar) está tirada da sección “Palabras con memoria”, da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

¿Podería tratarse, quizais, dunha variante da normativa apaxar? Non o sabemos certo, pero deixamos apuntada a posibilidade ou hipótese.

4. Lembremos, por outra parte, que o vocábulo relón (sinónimo de farelo) fai referencia á –tomando a definición do DRAG– “casca esmiuzada dos grans de millo, trigo e outros cereais, que ao moer se separa da fariña” (isto é, ó que en castelán se denomina salvado), e que o pan de relón é o “pan que se elabora coa fariña da segunda criba”.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán. De entre 1928 e 1931. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Otero Álvarez, Aníbal: Contribución al diccionario gallego. Galaxia, Vigo, 1967.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).


 

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta