Escolares galegos en risco de exclusión recibirán menús saudables dentro do programa "Cubertos"

Abanca e a súa Obra Social, Afundación, explicaron que o obxectivo é "apoiar ás familias máis vulnerables", especialmente afectadas pola crise da COVID-19, "garantindo aos nenos unha alimentación saudable durante o verán".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/07/2020 | Actualizada ás 16:49

Comparte esta noticia

Abanca e a súa Obra Social, Afundación, puxeron en marcha, en colaboración con concellos e entidades sociais, o programa 'Cubertos', que proporciona preto de 80.000 menús saudables --1.650 diarios-- a menores en risco de pobreza ou exclusión social das sete principais cidades galegas durante as vacacións escolares.

O obxectivo, explicou Abanca, é "apoiar ás familias máis vulnerables", especialmente afectadas pola crise da COVID-19, "garantindo aos nenos unha alimentación saudable durante o verán", período no que se interrompen os programas de bolsas comedor.

Este luns, o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, o conselleiro delegado, Francisco Botas, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, quixeron coñecer de primeira man o esforzo de todas as persoas que fan posible a consolidación deste programa de apoio social no que están involucradas 100 persoas do equipo da Obra Social de Abanca, coa colaboración de 80 voluntarios.

O programa 'Cubertos' desenvólvese na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol en colaboración coas administracións locais e distintas entidades sociais, segundo cada municipio. Para iso, habilitáronse un total de 22 puntos de recollida, para facilitar a accesibilidade das familias con localizacións que se acomoden ás súas necesidades.

Os menús elabóranse seguindo as recomendacións da Estratexia NAVES da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, que engloba accións para inculcar hábitos de vida saudables a través da alimentación e o exercicio.

Con este obxectivo, destaca Abanca, os menús, elaborados en empresas galegas especializadas e supervisados por nutricionistas, "son equilibrados e orientados á idade e gustos dos menores e prepáranse con produtos frescos de provedores locais".

Programa Cubertos, de Afundación e Abanca, para proporcionar menús a escolares durante o verán.. ABANCA
Programa Cubertos, de Afundación e Abanca, para proporcionar menús a escolares durante o verán.. ABANCA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta