Sindicatos piden a Feijóo que destitúa á conselleira de Política Social polo seu "abandono" dos servizos públicos

Protestan por oitava semana consecutiva ante os centros residenciais dependentes desta Consellería.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UGT pediron este xoves o cesamento da conselleira de Política Social, Fabiola García, pola súa "actitude negacionista" do conflito laboral nos centros dependentes do seu departamento e polo seu "abandono" dos servizos públicos.

Este xoves os sindicatos concentráronse ante os centros residenciais xunto a persoal dos mesmos e tamén se desprazaron ás instalacións da Xunta en San Caetano para reclamar a Fabiola García que dimita ou que o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, prescinda dela no seu novo goberno.

Esta foi a oitava xornada de protestas polas condicións laborais do persoal destes centros. Nun comunicado conxunto, os sindicatos volveron reclamar unha negociación e reiteraron as súas demandas: reforzar os servizos públicos, aumentar as prazas, devolver as compensacións por festivos e domingos traballados e un recoñecemento ao seu traballo na crise sanitaria.

A representante da CIG, Zeltia Burgos, destacou que estes traballadores teñen "unha sobrecarga". Coa pandemia de COVID-19, agregou, as condicións de traballo "modificáronse", con gardas máis longas, e, aínda que había "unha causa de urxencia nun primeiro momento", na actualidade reclaman "negociar" porque nalgún caso "mantéñense" eses cambios.

Pola súa banda, Emilio Doforno, de CC.OO., dixo que están "moi preocupados" porque considera que "non se adoptaron as medidas de seguridade pertinentes" e porque descoñecen os criterios para determinar que usuarios poden regresar a uns centros de día que, coas medidas de distanciamento, "non poden" acollelos a todos.

OITO XOVES DE PROTESTAS

Respecto da protesta deste xoves, Doforno indicou que, tras as protestas e as peticións de interlocución "só" lles queda pedir a saída da conselleira. "Leva oito xoves sen darse por decatada de que ten un conflito", criticou e acusouna de facer "un exercicio de cinismo".

Os sindicatos advirten de que van continuar coas mobilizacións ata que haxa unha resposta de Feijóo. "Só queda esperar que o propio presidente da Xunta tome en consideración este conflito e dea as indicacións pertinentes para que, a través do diálogo, haxa saída xusta ás reivindicacións do persoal dos centros residenciais de Política Social", afirman a través do comunicado conxunto.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Política Social, Fabiola García. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 antón de guizán

Xa tiña pensado facelo. O posto de Fabiola García, vai voltar para Rey Varela