GC Aberto

25 de Xullo: Día de Galicia

O Día de Galicia é o momento de corresponsabilizarnos e comprometernos publicamente co noso futuro en común, fundamentado no legado milenario dos nosos devanceiros. É, de igual xeito, o momento de poñer en valor e amosar ao resto do mundo, e a nós mesmos, os alicerces que conforman o noso ser esencial, fraternal, solidario e universal.

Por xabier (http://www.vila-coia.com) | GC ABERTO | 25/07/2020

Comparte esta noticia

Hoxe é 25 de Xullo. Hoxe é o Día de Galicia.

Campaña publicitaria do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia
Campaña publicitaria do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia | Fonte: Briefing Galego

A identidade dun pobo non é unha cuestión unicamente de índole psicolóxica e ideolóxica, senón que, por cima de todo, é unha realidade antropolóxica.

Con certeza, as celebracións que conmemoran a existencia e a pervivencia dunha colectividade que posúe un territorio, unha historia e unha cultura propias, desenvolven unha importante función de autoafirmación como grupo humano diferenciado.

O Día de Galicia débese interpretar como un rito de continuación. É o Día de todos os galegos, con absoluta independencia da súa idade, xénero, condición social e orixe. Pero non só dos galegos que estamos vivos hoxe: tamén é o Día dos que xa non están connosco, sexan concidadáns distinguidos (como Rosalía, Curros, Brañas, Castelao ou Carvalho Calero, a quen neste ano 2020 se lle dedicou con xusto merecemento o Día das Letras) ou trátese de xente do común que co seu labor e constante esforzo contribuíu ao crecemento e ao recoñecemento da nosa terra alén das fronteiras que delimitan a nosa localización no planisferio terrestre.

Cando digo que é o noso Día estou a afirmar que é un evento de reforzamento da nosa identidade cultural, e de confirmación da nosa vontade política de sobrevivir como pobo que camiña polos vieiros da historia da man dos demais pobos, sobre todo daqueles minorizados nos seus costumes, idioma e tradicións. Coa ollada pousada no pasado? Si!, mais co pensamento e a acción artellando un futuro de progreso.

O 25 de Xullo e o noso particular Día do Orgullo. Do orgullo de ser galegos; do orgullo de ser galegas.

Ser galega, ser galego, é unha cuestión de conciencia e de sentimento; non depende das características físicas individuais nin do lugar de nacemento. Sentimento que é de idéntica natureza que sentirse home, que sentirse muller. Conciencia que non nos é transmitida por herdanza xenética; ao contrario, témola que compoñer nós mesmos, con determinación, ao longo da toda a vida.

As institucións de Galicia, coa Xunta á fronte, en compaña e coa colaboración sinérxica das Deputacións, dos Concellos e, en aplicación do principio de subsidariedade da Unión Europea, das Entidades Locais Menores, representan a vontade popular expresada nas urnas; de aí a súa obriga legal e moral de gobernar e administrar os recursos públicos a prol do benestar económico e social da cidadanía galega.

As actuacións das institucións de Galicia deben incluír entre os seus fins prioritarios amparar ás persoas e ás familias en situación de vulnerabilidade; manter un sistema sanitario público, universal, e de máxima calidade; modernizar o sistema educativo do país tanto na súa estrutura docente como nos seus contidos; garantir o dereito a traballar, a seguridade no traballo e unha remuneración adecuada para poder vivir sen carencias materiais; facilitar o acceso a unha vivenda digna en propiedade a quen a precise; humanizar a vida nas cidades, vilas e aldeas transformándoas en espazos sostíbeis, inclusivos e accesíbeis nos que agromen a convivencia en harmonía, o diálogo e a participación, poñendo particular atención nas necesidades dos nenos, das mulleres, da xente maior e dos discapacitados... Todas as nosas institucións asumen igualmente o cometido de impulsar, fomentar e patrocinar, sen dúbidas nin prexuízos nin pretextos, as manifestacións e producións culturais, materiais e inmateriais, que nos fan ser e sentirnos galegos.

O Día de Galicia é, asemade, o Día do Galego; é o Día da Lingua que nos constitúe como individuos e nos constrúe como sociedade: ¡O que é galego, fala e escribe en galego!, ¡o que é galego ten plena competencia lingüística no idioma de seu!; como a teñen o cidadán alemán, o norteamericano, o ruso ou o chinés nas súas respectivas linguas nai.

O Día de Galicia é o momento de corresponsabilizarnos e comprometernos publicamente co noso futuro en común, fundamentado no legado milenario dos nosos devanceiros. É, de igual xeito, o momento de poñer en valor e amosar ao resto do mundo, e a nós mesmos, os alicerces que conforman o noso ser esencial, fraternal, solidario e universal.

¡Galegos, galegas!  

Neste Día Grande de Galicia, sabédeo todos:

¡Nós, somos un pobo único!

¡Nós, somos un único pobo!

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta