Feijóo pídelle a Sánchez unha intervención temporal "se fai falta" para salvar a Alcoa

Envía unha nova misiva ao presidente do Goberno na que tamén pide explorar posibles investidores e advirte: "con tarifa todo é posible".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2020 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, volveuse a dirixir por carta este mesmo xoves ao xefe do Executivo central, Pedro Sánchez, a quen pediu que "concrete de forma inmediata" unha tarifa eléctrica que garanta a continuidade de Alcoa, xa sexa cos actuais propietarios ou cun futuro comprador, un posible investidor que abre unha situación sobre a que pide traballar.

Segundo explicou na rolda de prensa posterior á reunión do seu goberno --a última previsiblemente antes da configuración do novo executivo que el presidirá--, na petición enviada a Sánchez tamén figura que o Goberno se faga cargo dunha "intervención temporal" de Alcoa, de ser necesario, para garantir a continuidade da actividade e dos postos de traballo a cinco días de que conclúa o prazo para os despedimentos de 534 traballadores.

"Levamos meses e cada día estamos peor", lamentou o presidente autonómico en funcións, quen explicou que lle "propuxo" ao presidente do Goberno que de forma inmediata concrete unha tarifa eléctrica para facilitar que Alcoa siga operando" ou que "venda esa fábrica".

Se "no próximos cinco días segue desatendendo" esta petición, Feijóo sostivo que o Goberno debe realizar "unha intervención temporal da factoría" para contar cuns "meses para que poida ser vendida ou reactivado o seu funcionamento en función dunha tarifa concreta". "Sen tarifa non hai futuro, con tarifa, sexa Alcoa ou un comprador, teremos posibilidades", salientou Feijóo, a preguntas dos medios.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encabeza a última reunión do Consello en funcións antes do XI Lexislatura que se constituirá o próximo 7 de agosto.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encabeza a última reunión do Consello en funcións antes do XI Lexislatura que se constituirá o próximo 7 de agosto.. ANA VARELA/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta