Os plásticos que contaminan o Golfo de Bizkaia entran a través do estreito de Cabo Ortegal

O golfo de Bizkaia constitúe unha zona de atrapamento para os plásticos que chegan a el. O 10% dos plásticos producidos no mundo acaban contaminando mares e oceanos. Representan xa o 70% da contaninación do espazo mariño.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 03/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Arredor do 10% dos plásticos producidos no mundo rematarán no océano, representando aproximadamente o 70% do lixo mariño. Esta é unha das principais conclusións dun estudo no que participan Investigadores das universidades de Santiago e Vigo e do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía no que se analizou a circulación de plásticos e microplásticos cara ao Golfo de Bizkaia a través de Cabo Ortegal.

A dispersión e acumulación destes plásticos en determinadas rexións do mundo, apunta o estudo, depende en parte da súa flotabilidade, que varía segundo o seu tamaño. Neste contexto global, detallan, o Golfo de Bizkaia é considerada unha rexión de nivel medio en canto á contaminación por plásticos.

No estudo, o equipo empregou un modelo lagranxiano para simular con partículas virtuais as traxectorias seguidas polos plásticos. Segundo explican, “aínda que se viu que o patrón xeral seguido polos plásticos depende principalmente das correntes oceánicas, o vento pode modulalo especialmente no caso de plásticos de maior tamaño”.

VELOCIDADES DAS CORRENTES

Por este motivo, co fin de avaliar o destino dos plásticos que entran no golfo de Bizkaia a través do estreito ao norte do cabo Ortegal, empregáronse neste traballo “as velocidades das correntes mariñas e diferentes coeficientes de arrastre para ter en conta a súa diversidade de tamaños e, por tanto, a súa exposición ao efecto do vento”.

Froito do traballo realizado, indican os seus responsables, “detectouse que os plásticos que ingresan no golfo de Bizkaia rara vez abandonan esta zona, o que a converte nunha rexión de atrapamento”.

MOI POUCOS PLÁSTICOS SAEN DO GOLFO

Así, apuntan, só unha pequena porcentaxe de plásticos, entre o 4 e o 15%, se dispersan cara a costa atlántica da Península Ibérica ou sobrepasaron a Bretaña francesa. O atrapamento de plásticos no golfo de Bizkaia, indican, “tivo un resultado especialmente notorio nos plásticos de maior tamaño (>5 mm) fortemente afectados polo vento que os empuxa cara terra”.

De feito, detallan os investigadores, “este tipo de plásticos tenden a acumularse nunha franxa estreita ao longo da costa (cunha probabilidade entorno ao 90%), o que favorece a súa acumulación en costa (cunha probabilidade do 60%). Pola contra, engaden, os microplásticos (< 5mm) presentaron unha gran tendencia a dispersarse libremente cara o océano, podendo alcanzar calquera localización dentro do golfo estudado, “o que resulta preocupante pois o seu reducido tamaño dificulta as tarefas de mostraxe e recollida”.

A investigación, publicada recentemente na revista Journal of Sea Research, co titulado 'The Bay of Biscay as a trapping zone for exogenous plastics of different sizes' está asinada por Laura Rodríguez, Moncho Gómez Gesteira e José Luis Gómez Gesteira, do grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab), do CIM-Universidade de Vigo;  Xurxo Costoya, do Instituto Cross-disciplinary Research in Environmental Technologies (Cretus) da USC, e Jesús Gago do Centro Oceanográfico de Vigo.

Plásticos no mar
Plásticos no mar | Fonte: NOAA.

Microplásticos na auga. TAPP WATER - Arquivo
Microplásticos na auga. TAPP WATER - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta