Adif traballa na retirada do vagón que chegou ás augas do Sil en Carballeda de Valdeorras

O Goberno galego propuxo unha multa de 35.000 euros para Adif.

Por E.P. | Ourense | 09/08/2020 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia


O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) está a traballar este domingo para retirar o vagón dun tren de mercadorías que foi empuxado hai unha semana e terminou nas augas do río Sil en Carballeda de Valdeorras (Ourense).

Foto dos vagóns descarrilados nas inmediacións do Sil remitida por Galicia en Común. GALICIA EN COMÚN
Foto dos vagóns descarrilados nas inmediacións do Sil remitida por Galicia en Común. GALICIA EN COMÚN | Fonte: Europa Press

Segundo indica na súa conta oficial de Twitter, este domingo continúan os traballos iniciados o sábado, unha vez obtidos os permisos da Xunta e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, para sacar os catro vagóns que quedaban nesa zona, despois de que un tren de mercadorías descarrilase cando estaba a piques de entrar no núcleo de Sobradelo.

Nas tarefas para retirar as estruturas, o pasado domingo os operarios empuxaron cunha máquina dous dos vagóns, un dos cales chegou ata as augas do río e outro quedou envorcado no terraplén entre a vía e o Sil. Os feitos, recollidos en varios vídeos, provocaron as queixas da Xunta e á Confederación Hidrográfica Miño Sil, que abriron senllas investigacións. O Goberno galego propuxo unha multa de 35.000 euros para Adif.

O administrador ferroviario presentou un operativo para levar dous guindastres á zona, estabilizar os vagóns e desmontalos para proceder a sacalos do lugar.

De acordo coas informacións actualizadas este domingo, está a despezarse o vagón que caeu ata a beira e estase retirando, do mesmo xeito que se procedeu coas outras estruturas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta