Comités do servizo de axuda no fogar de Santiago denuncian que non viron os pregos da nova licitación

Critican a "nefasta xestión" que realiza a concellería de Políticas Sociais, a quen reclaman "de forma inmediata, explicacións".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/08/2020 | Actualizada ás 18:48

Comparte esta noticia

Os comités de EULEN e Servisar denunciaron este martes a falta de información da nova licitación do concurso do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Santiago de Compostela, así como a "nefasta xestión" que realiza a concellaría de Políticas Sociais, a quen reclamaron "de forma inmediata, explicacións".

Grupo Eulen
Grupo Eulen | Fonte: eulen.com

Segundo a delegada da CIG no comité de Eulen, Milagros Rozados, o pasado 22 de xullo envióuselle un correo á concelleira compostelá de Políticas Sociais, Milagros Castro, solicitando unha reunión cos dous comités (EULEN e Servisar) que levan o servizo de Axuda no Fogar, para ter información sobre a licitación.

Ao confirmar que a concelleira "estaba de vacacións", apuntan, decidiron "esperar pola súa reincorporación para obter unha reposta" algo que "tampouco conseguiron" a pesar dos "reiterados intentos por diversas vías".

"A semana pasada soubemos pola prensa que vai dar unha rolda de prensa explicándoo todo", dixo Rozados, que destacou que "no anterior mandato contouse coa presenza do comité para elaborar os pregos, pero neste mandato nin a insignia antes de ser publicados no BOE, a pesar de pedirllo reiteradamente".

Os comités denuncian o "segredo" que rodea este concurso e reclaman publicamente unha reunión urxente coa concelleira. "Como traballadoras e afectadas por esta licitación, pedimos explicacións acerca do noso futuro, xa que os pregos son de obrigado cumprimento polas empresas e teñen que ter consideración pola parte social", dixo a delegada da CIG.

Rozados lembrou que os membros dos comités foron a protestar a un pleno, un acto co que conseguiron ter unha reunión posterior na que a concelleira se comprometeu a mostrarlles os pregos. Ademais, o comité de Eulen reuniuse "varias veces con Milagros Castro, antes de marzo deste ano", pero o outro comité, o de Servisar, "ten rexistradas dúas solicitudes de reunión, unha de marzo e outra de xullo, sen obter a estas alturas resposta algunha".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta