(Vídeo) Investigan a presenza dun número "extraordinario" de baleas azuis nas costas galegas

Un centro de investigación do Grove busca respostas ó fenómeno: "poderían vir motivadas polo alimento".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

Primeiro foron as orcas, agora as baleas. As costas galegas están a agasallar unha fin de verán repleta de sorpresas para os navigantes e investigadores que se adentran nas súas augas. O último descubrimento vén da man do centro de investigación Bottlenose Dolphin Research Institute, afincado no Grove e dirixido polo seu fundador, o biólogo Bruno Díaz.

Captura da pantalla do vídeo de Bottlenose Dolphin Research Institute onde se apreza unha balea azul no entorno das Illas Cíes
Captura da pantalla do vídeo de Bottlenose Dolphin Research Institute onde se apreza unha balea azul no entorno das Illas Cíes | Fonte: Bottlenose Dolphin Research Institute

Segundo apunta o investigador, as augas galegas -en particular as que rodean ás Rías Baixas- están a ser nos últimos días escenario para unha cantidade "fóra do normal" de baleas azuis, o maior animal coñecido no mundo. "Dende 2017 conseguimos divisar e catalogar un total de 6 exemplares distintos. Só na xornada de onte avistamos 9", relata Díaz con ledicia. Parte dos avistamentos dos últimos días tiveron lugar nos arredores das Illas Cíes, onde foi recollido o vídeo seguinte.

ATRAÍDAS POR UNHAS AUGAS "EXCEPCIONAIS"

Polo momento descoñécese o porqué da concentración "extraordinaria" de exemplares, unha cuestión que "forma parte da investigación", apunta Díaz. "Estamos buscando hipóteses", explica o biólogo, que sinala a un "repunte da poboación" como posible base do incremento. "Nos últimos anos vimos como algúns exemplares se ían achegando á costa galega, así que é posible que se 'correra a voz' e agora baixen máis", explica.

Neste aspecto, Díaz vencella o incremento do tránsito destes animais á "riqueza excepcional" das augas galegas, en particular no relativo ó seu alimento. "As baleas aliméntanse de krill do norte en grandes cantidades", explica o biólogo, que destaca a "calidade do krill galego" e o seu papel na atracción destes enormes cetáceos.

PERIGO PARA OS NAVIGANTES

O descomunal tamaño desta especie implica, á parte, un perigo para os navigantes da zona. "Unha colisión pode ser fatal tanto para o animal como para os mariñeiros", pondera o investigador. Por esta razón, Díaz apunta que nada máis comprobar os avistamentos deron un aviso ás autoridades para que pedisen precaución entre as embarcacións da área. O perigo que revisten as baleas, destaca o biólogo, é maior que no caso das orcas: "sería como comparar un cadeliño cun elefante".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 E4T9

En galego é candorcam non "orca".