Por Ángela Precedo | PONTEVEDRA | 22/09/2025 | Actualizada ás 22:20
O verán de 2025 será lembrado en Galicia coma un dos que máis titulares deixou sobre a presenza de candorcas nas nosas augas. A finais de agosto, a Ría de Arousa volveu ser centro de escenas que mesturan asombro e temor: grupos de cetáceos de ata 8 metros achegándose a embarcacións de vela e motor, golpeando timóns e cascos e obrigando a Salvamento Marítimo a lanzar avisos de precaución. O que para algúns navegantes foi un susto maiúsculo, para outros convertiuse na oportunidade única de observar de preto a un dos animais máis fascinantes e enigmáticos do océano. As imaxes circularon rapidamente polas redes sociais, reforzando a idea de que as candorcas 'atacaban' aos barcos. Pero, que hai verdadeiramente detrás desas mellor chamadas 'interaccións'? Son agresións deliberadas ou simples xogos de aprendizaxe? É un fenómeno novo ou parte dunha historia máis longa que se amplificou pola atención mediática? Para respostar a estas preguntas, Galicia Confidencial fala con Bruno Díaz López, doutor en Ecoloxía e Bioloxía Evolutiva e director científico do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con sede no Grove.
O seu equipo leva décadas estudando cetáceos e seguiu de preto a presenza das candorcas atlánticas en Galicia e, tal e como nos aclara, este non é, nin moito menos, un fenómeno novo: "As candorcas nas rías veñen de moi atrás, non son nada novo, hai textos antigos, mesmo do Pai Sarmiento, que xa relataban como estes animais chegaban ata o fondo da ría e falaban de que eran delfíns cando en realidade se trataba de candorcas". A memoria oral tamén o confirma: "Moitos pescadores lembran que seus pais e avós sempre lles falaron da entrada das candorcas na ría, polo que non é un fenómeno que se estea rexistrando agora por primeira vez". Iso si, o novidoso actualmente é a atención mediática que espertan dende que no 2020 algúns exemplares xuvenís comezaron a interactuar con embarcacións. "A palabra candorca empezou a estar máis presente na boca da xente dende entón, e por iso semella que agora hai máis, pero en realidade é un fenómeno moi antigo", matiza.
"CHOCABA UN POUCO QUE ENTRASEN BUSCANDO ATÚN VERMELLO NA RÍA, PORQUE ESTE ADOITA QUEDAR Á ALTURA DE SÁLVORA E NON ADENTRARSE MÁIS"
A investigación científica puido amosar que estas candorcas que aparecen por Galicia forman parte dunha poboación atlántica moito máis ampla, que vive entre o norte de África e a zona de Mauritania e chega case ata a Bretaña francesa. Os movementos destas candorcas respostan á dispoñibilidade de alimento. "A súa presa principal é o atún vermello e os seus desprazamentos respostan aos movementos deste peixe", explica Díaz. "O depredador superior adáptase ao que sexa, o único que quere é atopar a súa presa, por iso todos eses movementos dende o norte de África ata a Bretaña francesa débense, principalmente, ao seguemento da súa presa cultural, que é o atún", asegura. E, preguntado polos efectos do cambio climático sobre estes movementos, o científico aclara: "O cambio climático está alterando fenómenos oceanográficos, incrementando ou diminuíndo correntes, pero, afortunadamente, tanto o atún como a candorca son depredadores que se adaptan, e por iso son dos que menos sofren os cambios ambientais".
Agora ben, un dos aspectos máis sorprendentes dos últimos anos foi a súa incursión na Ría de Arousa. "Chocaba un pouco que entrasen buscando atún vermello na ría, porque este adoita quedar á altura da illa de Sálvora e non adentrarse máis, polo que era raro ver candorcas en augas tan pouco fondas e tan rochosas", sinala Díaz. Sen embargo, hai unhas semanas o seu equipo comprobou de primeira man este cambio: "Nun dos avistamentos constatamos que levaban polbos na boca, e mesmo interactuaban coas nasas empregadas para a súa captura". "Posiblemente estean interesadas no polbo como presa secundaria, aínda que a súa presa principal siga sendo o atún", manifesta. Pero tamén aclara, non obstante, que este non se trata dun cambio radical: "As candorcas non veñen a Galicia a polo noso polbo, veñen polo atún, aínda que, ocasionalmente, como acontece con outros depredadores, poidan aproveitar a presenza doutras presas para alimentarse".
"OS ODONTOCETOS E DEPREDADORES SUPERIORES COMO AS CANDORCAS ESTÁN Á ALTURA DE PRIMATES SUPERIORES A NIVEL COGNITIVO"
Cando se fala de candorcas, fálase tamén moito da súa intelixencia. "Todos os cetáceos, sobre todo os odontocetos e depredadores superiores coma elas, teñen un comportamento moi complexo, estando máis que demostrado que a nivel cognitivo están á altura de primates superiores", asegura Díaz. Isto tradúcese en estratexias de caza elaboradas, sistemas de comunicación avanzados e unha organización social moi singular. "Nun grupo de candorcas a avoa é a que manda, é ela quen coordina todo porque ten a memoria e a experiencia cultural das técnicas de caza", revela o científico. Chegados a este punto, a comparación cos elefantes é inevitable: "Nos elefantes, os machos son máis secundarios, e acontece algo semellante nas candorcas: se un macho perde á súa nai ou á súa avoa dentro do grupo, a probabilidade de que morra aos poucos anos é moi alta, mesmo se é xa adulto".
No caso concreto de Galicia, este ano observouse un grupo de sete individuos, cun macho adulto e varias femias, entre elas unha xuvenil particularmente activa. "Esta femia, cada vez que ve un barco, adoita ir interaccionar con el", asegura Díaz. Xunto a ela, hai outros dous exemplares de curta idade que se achegan máis aos barcos. O cal é habitual, porque, como explica, "son os exemplares máis novos os que tenden a efectuar máis interaccións". Unha das hipóteses publicadas polo seu equipo é que esas interaccións sexan un entrenamento: "Poderían utilizar os temóns das embarcacións como 'sparring' para mellorar as súas técnicas de caza". Así, aínda que a miúdo se adoita pensar que atacan para facer dano, non ten que ser de todo así. "Non podemos antropomorfizar o comportamento dun animal salvaxe", advirte. E ilústrao cunha metáfora: "Se un elefante quere rascar as costas contra o teu coche, vaino destrozar, pero non porque quixera facer dano, só quería rascarse; do mesmo xeito, as candorcas non comen xente nin queren cazar persoas cando interaccionan cos barcos".
"NON EXISTE FINANCIAMENTO PARA INVESTIGACIÓN; É UN TEMA MOI ESTACIONAL: INTERESA NO VERÁN, CANDO HAI INTERACCIÓNS, PERO LOGO ESQUÉCESE"
Gran parte do que sabemos das candorcas provén de estudos no Estreito de Xibraltar, pero o BDRI insiste en ampliar a mirada. "A publicación que fixemos recentemente foi importante porque aportaba unha visión fóra do Estreito e precisamos sabes onde se dirixen en inverno, entender mellor os seus movementos... estamos apenas no comezo", sinala Díaz. O seu equipo planea xa novas publicacións sobre a súa dieta secundaria e aspectos sociais, pero o avance é lento por falta de recursos. "Non existe financiamento", critica. "Moito do que se podería saber terá que agardar, porque se trata dun tema moi estacional: interesa no verán, cando hai interaccións, pero logo esquécese ata que chega o verán seguinte", lamenta. Díaz insiste en que fai falta un maior respaldo: "Toda a información que facemos pública está costeada exclusivamente polo noso instituto". Lembra que houbo algúns fondos públicos para intentos de marcaxe satelital no Estreito, pero máis nada. "En Galicia levamos xa un mess con candorcas nas nosas costas e seguramente seguirán ata outubro, pero se as institucións non amosan interese, as pequenas entidades non podemos costear campañas de investigación tan complexas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.