O Concello de Pontecesures planea facer probas de Covid-19 a todo o seu persoal tras dar positivo 8 veciños

É o segundo concello máis pequeno de Pontevedra, mais ten unha densidade de poboación "alta", o que "pode ser unha treboada perfecta".

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 08/09/2020 | Actualizada ás 18:22

Comparte esta noticia

O Concello de Pontecesures (Pontevedra) planea realizar probas PCR a todo o persoal municipal, unha medida para "acoutar" a expansión do coronavirus despois de que desen positivo oito veciños da localidade.

PCR. Foto de arquivo.. Ricardo Rubio - Europa Press
PCR. Foto de arquivo.. Ricardo Rubio - Europa Press

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o alcalde de Pontecesures, Manuel Vidal, quen recoñece certa preocupación pola pandemia despois de que "nos últimos días cambiase o escenario" no municipio ao coñecerse este oito casos.

E é que este concello é o segundo máis pequeno de toda a provincia de Pontevedra, motivo polo cal a densidade da poboación é "alta", en palabras do rexedor. "Pode ser case unha treboada perfecta", recoñeceu, sobre unha posible transmisión comunitaria da COVID-19.

Por isto mesmo, o Consistorio pensa "en tomar medidas adicionais" ás xa adoptadas, é dicir, máis aló da desinfección de espazos públicos e a vixilancia dos aforamentos en terrazas por parte da Policía Local.

A iso sumarase agora a realización de PCR a todo o persoal funcionario e que traballe en servizos municipais, "sobre todo porque hai persoas en contacto estreito coa poboación", engadiu o alcalde.

Por iso mesmo, Vidal quere "acoutar na medida do posible" a transmisión do virus co que define como "un acto solidario" tanto cos empregados do Concello como cos cesuráns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta