A andaluza Belén Gualda será a presidenta máis nova que tivo Navantia

Comprometida coas iniciativas para combater o cambio climático.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/10/2020 | Actualizada ás 11:36

Comparte esta noticia

O consello de administración da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) propuxo á xunta de accionistas de Navantia a designación como conselleira de Belén Gualda, ata agora directora xerente da Axencia de Obra Pública de Andalucía, como paso previo ao seu nomeamento como nova presidenta dos estaleiros públicos en substitución de Susana de Sarriá, informou o holding público.

Belén Gualda (Granada, 1974) é enxeñeira de Camiños, Canles e Portos, con nota final de sobresaliente nos seus estudos de grao, e acumula unha ampla experiencia en postos directivos dentro do sector público empresarial, no que desenvolveu gran parte da súa carreira profesional. 
Nela destaca a recente tarefa realizada á fronte da Axencia de Obra Pública de Andalucía en importantes proxectos de infraestrutura.

A próxima presidenta de Navantia, a profesional máis nova que tivo a compañía á fronte ao longo da súa historia, suma a esta experiencia directiva a participación entre os anos 2008 e 2019 en diversos consellos de administración e consellos reitores de diferentes sociedades mercantís e axencias públicas empresariais con participación tamén de capital privado.

COMPROMETIDA CO CAMBIO CLIMÁTICO

Comprometida coas iniciativas para combater o cambio climático, foi unha das principais impulsoras da concertación social nesta materia, en colaboración co sector empresarial. Foi membro tamén da delegación rexional que participou na Conferencia de París sobre o Clima como especialista na regulación relativa á lei de Cambio Climático.

Belén Gualda substituirá na presidencia de Navantia a Susana de Sarriá, cuxa xestión ao longo dos dous últimos anos á fronte da compañía estivo marcada polo seu pulo modernizador grazas á posta en marcha dun ambicioso Plan Estratéxico.

Belén Gualda, nova presidenta de Navantia. SEPI
Belén Gualda, nova presidenta de Navantia. SEPI | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta