Así están os ríos galegos: cheos de televisores, baterías de coche... e máscaras

Voluntarios convocados por ADEGA recolleron máis de 14 toneladas de residuos nun só día.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

A contaminación dos ríos, en cifras. A xornada da XIII Limpeza Simultánea dos Ríos Galegos, organizada por Adega, vén de poñer en valor unha problemática que podería estar a sufrir un novo aumento: o verquido de residuos nos ríos galegos. Así o indican os datos resultantes da xornada ecoloxista, na que máis de 800 voluntarios culminaron unha limpeza que abrangueu treitos das catro provincias.

XIII Limpeza Simultánea de Ríos de Adega, en Ponteareas
XIII Limpeza Simultánea de Ríos de Adega, en Ponteareas | Fonte: ADEGA

A xornada contou con seguimento en 48 concellos de toda Galicia, un apoio celebrado pola entidade tendo en conta "os tempos que corren". Non suxiren tanta ledicia os datos de recollida de refugallo, que este ano vén de rexistrar unha cantidade inxente de material contaminante: un total de 14 toneladas.

Con todo, e segundo explican dende a plataforma, as cifras permiten observar unha "diminución de lixo nos treitos dos ríos" dende 2005, ano da primeira celebración da xornada. Este ano, o cambio sitúase na natureza do refugallo recuperado. E é que, segundo explican dende a plataforma "volveron a aparecer moitas rodas de automóbiles", entre unha longa listaxe de elementos que, en moitos casos, perxudican á fauna e flora dos ecosistemas fluviais.

DE MÁSCARAS A TELEVISORES

"Coma sempre, abundaron os plásticos", subliña a plataforma, que alude a "botellas, garrafas, bolsas e sacos". Por riba, clarifican que tamén tiveron oportunidade de "rodas, baterías e motores de automóbiles", así como "cristais e latas, pilas, restos de madeira, mobles, ferralla, algún televisor e entullos". A crise sanitaria tamén estaría a ter o seu impacto nos cursos fluviais, xa que este ano, á parte de toalliñas húmidas "apareceron tamén algunhas máscaras".

"É preciso reflexionar sobre o uso destes artigos, e aínda máis sobre o lugar que empregamos para desfacernos deles, xa que ao tiralos polo retrete rematan nos nosos ríos contaminando os cauces e ribeiras", destacan dende a plataforma. ADEGA lembrou tamén que, pese á celebración do seguimento, o obxectivo da xornada non é "man de obra barata" que "poida  suplir o traballo da administración". "O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta", puntualizan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta