A ponte levanta os ánimos ao sector hostaleiro: "houbo moito mellores resultados do esperado"

A Xunta di que Galicia estase a consolidar como "destino seguro".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/10/2020 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Os aloxamentos galegos rexistraron durante esta ponte do Pilar resultados "moito mellores do esperado", con cifras que chegaron ao cheo completo nalgúns hoteis e en certas zonas.

Así o explicou o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, que admitiu que, a falta dos datos concretos, "as sensacións foron moi boas". Pardal lembrou que o sector viña "dun momento moi delicado" e que, a pesar das circunstancias, os resultados "foron mellores do esperado". Así, destacou, "algúns destinos turísticos tiveron mesmo o 100 por cen nalgúns hoteis" e ámbitos como o turismo rural rexistraron bos resultados.

En canto ás áreas, "zonas como a Ribeira Sacra, que ten un tirón tremendo, volveu marcar a diferenza con respecto a outras", así como a Costa da Morte.

En relación ao Camiño de Santiago, Cesáreo Pardal apuntou que as cifras "non son as do ano pasado" e, aínda que "si hai peregrinos", non é "o número que todos desexariamos". No entanto, o presidente do Clúster augurou que "isto vai ir aos poucos" e apostou por "seguir demostrando que Galicia é un destino seguro".

UNHA PONTE "ESTRAÑA"

Na mesma liña, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou que o balance desta "ponte estraña" non é negativo, sobre todo tendo en conta "o contexto e as expectativas", exceptuando só aquelas zonas con restricións.

"Con respecto á visita de turistas e ao movemento tanto da propia comunidade autónoma como das comunidades autónomas limítrofes, foi unha experiencia bastante boa", dixo o vicepresidente, que cre que o turismo volveu a elixir "máis natureza" e unha área "sen masificacións". "Galicia está a consolidarse como destino seguro", resolveu.

Turistas nunha terraza
Turistas nunha terraza

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta