As autoridades dan por controlada a mancha de fuel da ría de Arousa que chegou ás Ons

A Xunta mantén pechado o polígono de bateas Ribeira B de forma preventiva.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2020 | Actualizada ás 15:11

Comparte esta noticia

A subdelegada do Goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, informou de que a mancha de fuel detectada na xornada do martes na ría de Arousa foi controlada. Así o asegurou tras unha reunión na que participaron os responsables da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, da demarcación de Costas de Pontevedra, Garda Civil e Protección Civil.

Catro embarcacións traballan desde primeira hora da mañá na zona na que se detectou a mancha. Trátase de tres patrulleiras do servizo de Gardacostas de Galicia e o remolcador Don Inda, de Salvamento Marítimo.

Os labores destes barcos, que se realizan nas proximidades de punta Touro, en Ribeira, céntranse na colocación de barreiras anticontaminación para conter a vertedura e en tarefas de recollida do fuel mediante sistemas de aspiración e elementos absorbentes. Ademais, realizáronse traballos de extracción xunto á Ila de Ons, aínda que neste caso trátase "dnha mancha máis diluída e de escaso impacto", segundo explicou Maica Larriba.

PUIDO PROCEDER DE TERRA

Tanto a Capitanía Marítima de Vilagarcía como o Seprona da Garda Civil teñen abertas senllas investigacións respecto á orixe da mancha. Precisamente, Maica Larriba adiantou que "a vertedura puido chegar desde terra".

A Xunta mantén pechado o polígono de bateas Ribeira B. "Trátase dun peche preventivo xa que a mancha en ningún momento chegoulle a afectar", explican desde a consellería do Mar.

Ante a favorable evolución dos traballos de contención e de recollida do fuel derramado, a Administración autonómica desestimou este mércores a opción de despregar barreiras anticontaminación en torno ao polígono de bateas, posibilidade que se barallou nun primeiro momento.

Mancha de fuel na ría de Arousa detectada o 13 de outubro de 2020. @DELGOBGALICIA
Mancha de fuel na ría de Arousa detectada o 13 de outubro de 2020. @DELGOBGALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta