A Xunta pide que os fondos de reconstrución non amplíen "a fenda" entre Corredor Atlántico e Mediterráneo

O goberno galego incide no obxectivo estratéxico de conseguir os investimentos necesarios para que a rede ferroviaria do noroeste peninsular sexa "máis competitiva".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2020 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia demandou ao Goberno de España que "evite" que os fondos de reconstrución europeos "amplíen a fenda" entre o Corredor Atlántico e o Mediterráneo.

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, remitiulle este mércores unha carta ao secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pedro Saura, na que destaca que, para a Xunta, igual que para os Gobernos de Asturias e de Castela e León, a inclusión do noroeste peninsular no trazado do Corredor Atlántico é unha oportunidade para acceder aos fondos do mecanismo Conectar Europa ou aos recentemente creados fondos Next Generation "que non se pode desaproveitar".

Así, incide no obxectivo estratéxico de conseguir os investimentos necesarios para que a rede ferroviaria do noroeste peninsular sexa "máis competitiva", co fin de xerar riqueza e emprego estable na comunidade.

O Goberno galego, xunto coas comunidades veciñas, vén realizando "propostas construtivas" ao Ministerio de Transportes para enriquecer as liñas xerais do Plan Director do Corredor Atlántico, documento que a Xunta "aínda non puido coñecer na súa totalidade", critica a conselleira.

No entanto, Ethel Vázquez manifesta a preocupación do Executivo autonómico ante "o silencio do ministerio sobre o avance dos traballos técnicos", algo que "é necesario para poder optar aos fondos europeos".

Por iso, insta o Goberno central a confirmar o seu compromiso para destinar parte dos fondos europeos de resistencia, os fondos Next Generation, á mellora das infraestruturas e material rodante no ámbito dos corredores europeos, tanto no Mediterráneo como no Atlántico; e trasládalle ao secretario de Estado a "inquietude" por que, "mentres para o Corredor Mediterráneo se acorda o financiamento dos accesos ao Porto de Barcelona, para o Atlántico nin hai conversacións sobre a conexión do Porto de Vigo, nin sobre o Saída Sur de Vigo nin sobre a conexión de Langosteira".

Ethel Vázquez solicítalle ao ministerio a celebración dunha reunión para abordar este proxecto estratéxico e canalizar o proceso de diálogo e participación para lograr o "necesario consenso sobre os proxectos e investimentos que debe incluír o Plan Director do Corredor Atlántico en Galicia". Ademais demanda o nomeamento dun Comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico, do mesmo xeito que se creou para o caso do Corredor Mediterráneo.

Europarlamento
Europarlamento

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta