Setembro foi o peor mes para o turismo galego desde que hai rexistros

O emprego cae un 30% coa perda de máis de 2.500 postos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2020 | Actualizada ás 11:23

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou un total de 414.237 pernoctacións hoteleiras en setembro, o que supón un afundimento do 60% respecto das máis dun millón que houbo no mesmo mes de 2019. Segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE), a crise do coronavirus deu lugar ao peor setembro en Galicia desde que hai rexistros --desde 1999--.

Ademais, estas pernoctacións en establecementos hostaleiros galegos son menos da metade das 924.618 de agosto. Con todo, a caída interanual do 60% en Galicia é inferior ao esborralle medio do 78,4% que se produce no Estado.

Pola súa banda, en setembro houbo 209.612 viaxeiros, o que se traduce tamén nun retroceso do 60% na comparativa interanual. Respecto de agosto, supón pouco máis da metade dos máis de 400.000 que chegaron a Galicia. Igualmente, son as peores cifras nos últimos 20 anos.

CAÍDA DUN 30% DO EMPREGO

A estancia media sitúase en 1,98 días, similar á do ano anterior. Mentres, o grao de ocupación por praza cae ata o 23,4%, lonxe do 50% de hai un ano. Pola súa banda, descenden os establecementos abertos e quedan 1.391 --eran 1.638 en setembro de 2019--.

Finalmente, a perda de empregos é do 30%, xa que en setembro de 2019 había 8.418 persoas contratadas e no mesmo mes deste ano son só 5.898, unha baixada de 2.520.

Pernoctaciones hoteleiras en Galicia en setembro de 2020. EPDATA
Pernoctaciones hoteleiras en Galicia en setembro de 2020. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta