As claves do Consello da Cultura Galega para 2021; a Galicia medieval e o acceso cultural no rural

A promoción da Galicia medieval será, pois, un dos puntos sobre os que recaerá a acción do Consello da Cultura Galega o próximo ano 2021, que comezará cunha exposición sobre Alfonso X para "explorar a faceta menos coñecida do rei Sabio".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/10/2020 | Actualizada ás 20:01

Comparte esta noticia

Profundar no legado da Galicia do medievo ou analizar a igualdade na produción cultural, tamén desde o punto de vista do territorio co foco posto no rural, son dúas das liñas estratéxicas que marcarán o traballo do Consello da Cultura Galega o próximo ano 2021.

Este venres, o pleno do CCG coa súa presidenta, Rosario Álvarez, á fronte, abordou a estretegia a seguir durante os próximos dous anos, marcados pola celebración do Xacobeo que arrinca a finais do mes de decembro.

A promoción da Galicia medieval será, pois, un dos puntos sobre os que recaerá a acción do Consello da Cultura Galega o próximo ano 2021, que comezará cunha exposición sobre Alfonso X para "explorar a faceta menos coñecida do rei Sabio".

A mostra, na que Antoni Rosell exercerá como comisario e que conmemorará o oitavo centenario de Alfoso X, achegarase ao monarca desde unha perspectiva "menos recia" á habitual co acento posto na súa actividade política e cultural.

Ademais, o CCG prepara para 2021 distintas accións e actividades centradas en analizar a igualdade de acceso á cultura en función do hábitat, con especial atención ás persoas que viven no mundo rural.

DEZ LIÑAS POR ANO

Na reunión, na que se acordou a incorporación de Rebeca Branco-Rotea como vogal na executiva da institución, decidiuse a programación do próximo bienio, que pivotará ao redor de dez liñas de acción por ano.

Segundo explica o CCG, catro delas corresponderán a temáticas relacionadas co ano en curso (como o Xacobeo en 2021), mentres que o seis restantes responden a eixos de traballo da institución, como o fomento da cultura científica, tecnolóxica e ambiental ou a conservación e valorización do patrimonio.

PROGRAMACIÓN 2022

Para o ano 2022, o Consello achegarase á "forxa" da Galicia contemporánea, co que abordará a etapa preautonómica desde o tardofranquismo ao ano 1981 coa aprobación do Estatuto. Todo iso para preparar o terreo de face ao ano 2023, no que se cumprirán corenta anos do nacemento do Consello da Cultura Galega.

Coa intención de profundar nesa revisión do pasado, o CCG tamén levará a cabo en 2022 un achegamento ao mundo dos medios de comunicación galegos, o seu pasado, o seu presente e o seu futuro.

Plenario do Consello da Cultura Galega. CCG
Plenario do Consello da Cultura Galega. CCG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta