O Estado investirá en Galicia 832 millóns en 2021, un 11% menos que as últimas contas aprobadas

En rolda de prensa este mércores, a ministra de Facenda sinalou que nos últimos anos o investimento en Galicia "foi moi superior en relación ao peso poboacional" polas obras do AVE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 19:21

Comparte esta noticia

O investimento do Estado en Galicia será en 2021 de 832,24 millóns de euros, o que supón un 11,1% menos que os 936,79 millóns dos últimos orzamentos aprobados en 2018, segundo o proxecto presentado este mércores pola ministra de Facenda, María Jesús Montero.

Con todo, esta cifra aumenta ao redor dun 10% respecto dos 757,1 millóns de euros do proxecto de PGE de 2019, que non saíu adiante.

En rolda de prensa este mércores, a ministra de Facenda sinalou que nos últimos anos o investimento en Galicia "foi moi superior en relación ao peso poboacional" polas obras do AVE, polo que unha vez que termina e se pon en marcha a liña "necesítase que estes recursos acompañen a outros territorios que tamén queren pór en marcha a alta velocidade".

Entre comunidades, Galicia é a sexta cun maior investimento total, por detrás de Andalucía (2.146 millóns), Cataluña (1.999 millóns), Comunidade de Madrid (1.250 millóns), Comunidade Valenciana (1.164 millóns) e Castela e León (847 millóns).

De tal forma, Galicia contará co menor investimento nos últimos 15 anos, xa que desde 2004 todos superaron os 1.000 millóns de euros menos os anos 2017 (924,6 millóns), 2018 (936,79 millóns) e agora 2021.

Os 832 millóns de investimento real do Estado en Galicia para 2021 representan o 7% do total regionalizable, dous puntos menos do 9,2% que supuña no PGE de 2018, segundo consta no proxecto de lei de Orzamentos.

Investimento do PGE por comunidades para 2021. EPDATA
Investimento do PGE por comunidades para 2021. EPDATA | Fonte: Europa Press

PEAXES AP-9

Os Orzamentos Xerais do Estado (PGE) de 2021 contemplan partidas de ata case 55 millóns de euros para rebaixar as peaxes da Autoestrada do Atlántico, a AP-9, e dar cumprimento aos acordos de investidura alcanzados polo PSOE coas distintas forzas.

En concreto, o documento presentado este mércores polo Goberno inclúe 50 millóns para bonificacións das peaxes entre Ferrol e a fronteira portuguesa.

A esta partida sumar 1,5 millóns para a liberalización do tramo entre Vigo e Redondela, así como outros 3,4 para a supresión da subida acumulativa anual das peaxes do 1%.

Ademais destas cantidades, o documento defendido este mércores pola ministra de Facenda, María Jesús Montero, no Congreso, contempla outros 8.236.960 euros para manter a supresión das peaxes de movemento nos tramos Morrazo-Vigo e A Coruña-A Barcala que xa existía.

Precisamente, na súa comparecencia, a ministra destacou que os 55 millóns destinados a rebaixar as peaxes da AP-9 dan cumprimento aos acordos alcanzados con diferentes formacións políticas e sinalou que ao longo da lexislatura irase incorporando a totalidade do compromiso.

RENOVABLES

O Goberno central, a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), destinará 8,4 millóns de euros en axudas a proxectos de xeración térmica con enerxías renovables que se desenvolverán en Galicia e que prevén mobilizar 14,47 millóns de euros.

O consello de administración deste instituto, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco), aprobou este mércores o investimento, que forma parte do terceiro paquete territorial de axudas do orzamento, dotado inicialmente con 316 millóns, para financiar proxectos innovadores de tecnoloxías renovables.

Deste xeito, a Galicia irán parar 8,4 millóns en axudas a proxectos que, segundo informa a Administración central, prevén eliminar "máis de 25.184 toneladas" de CO2 ao ano a través do desarollo de iniciativas que usan tecnoloxías como a xeotermia, a enerxía solar térmica, a aerotermia, o biogás ou a biomasa.

Estas irán deseñadas principalmente a usos residenciais, así como na industria e o sector servizos co obxectivo de reducir as emisións e xerar "un alto nivel de autoconsumo", segundo detalla o Goberno estatal, que pretende beneficiar a "penetración de enerxías renovalbes térmicas en zonas de transición xusta, no sector agroalimentario, e impulsar mecanismos de loita contra a pobreza enerxética".

Así, as axudas á biomasa acaparan case a metade do total das axudas con 4 millóns, seguidas polas subvencións a proxectos de biogás (1,5 millóns), xeotermia ou hidrotermia (1,3 millóns), a aerotermia con abastecemento fotovoltaico (1 millón), biometano (500.000 euros) e solar térmica (107.439 euros).

Segundo as estimacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, aumentarase en 22,16 megawatios a capacidade destas iniciativas a través destas axudas, confinanciadas con fondos da UE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta