Traballadores de política social denuncian "cansazo" do persoal e piden "medios materiais e humanos"

"Non nos vale de nada que en comparecencia parlamentaria a conselleira diga que está moi orgullosa do seu persoal cando despois, na práctica e na realidade, nunca nos chamou a negociar", denuncian os sindicatos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2020 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

Os traballadores da Consellería de Política Social trasladaron este xoves as súas demandas aos grupos con presenza na Cámara galega --PPdeG, BNG e PSdeG--, aos que demandaron que intercedan para que a titular do departamento autonómico, Fabiola García, se abra a recibilos para abordar a negociación dun novo convenio colectivo que poña fin "á precariedade" que padecen "desde o ano 2012".

Na décimo oitava semana de protestas dos traballadores dependentes de Política Social, representantes dos sindicatos CIG, UGT, CC.OO. e CSIF mantiveron encontros con deputados do tres grupos políticos para pedirlles que se fagan eco das súas demandas na súa acción parlamentaria.

"Non nos vale de nada que en comparecencia parlamentaria a conselleira diga que está moi orgullosa do seu persoal cando despois, na práctica e na realidade, nunca nos chamou a negociar", denunciou Mar Peteira, traballadora do sector e membro da CIG.

Acompañada por membros dos outros sindicatos, Mar Peteira incidiu en que os traballadores levan 18 semanas clamando por que se active a negociación dun convenio colectivo que acabe "coa precariedade" do sector.

Neste sentido, denuncian que a lei de medidas aprobada no ano 2012 para os empregados de Política Social levou unha "redución de persoal", ademais de supor que "non se reciba ningunha compensación por traballar domingos e festivos", algo que, segundo incidiu, "non pasa en ningunha empresa de Galicia, só na Consellería de Política Social".

Todo iso, continuou, viuse "agravado" coa crise sanitaria derivada da pandemia, na que, di, o labor dos profesionais compensou "a falta de medios materiais e persoais" para "manter as condicións óptimas" nos centros residenciais.

"Reivindicamos que se nos devolvan os dereitos que nos suspederon", incidiu a representante da CIG, que advertiu que os servizos se atopan "a mínimos", polo que demandan un aumento do "capital humano" para "poder afrontar" o día a día "en condicións dignas e óptimas para todo o mundo", xa que isto tamén "repercute nos usuarios".

PERSOAL "CANSO" E CON "TENSIÓN"

Así as cousas, os sindicatos avisan que o persoal de residencias están "cansos" e baixo unhas condicións de "tensións" que repercuten no seu estado de ánimo, ao que hai que sumar o contacto humano cos usuarios dos seus centros.

"As demandas veñen de moi atrás, pero esta situación de pandemia evidenciounas. Se ti levas traballando anos con precariedade, cando vén unha crise como esta, agudízanse", incidiu a representante da CIG.

Traballadores da Consellería de Política Social maniféstanse fronte ao Parlamento de Galicia
Traballadores da Consellería de Política Social maniféstanse fronte ao Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta