"Confeccionar roupa a partir de madeira", un dos proxectos estratéxicos que apoia a Xunta para impulsar o sector forestal

Feijóo enxalza "construír a primeira fábrica de viscosa en toda Galicia" para dar pulo á industria madeireira.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/11/2020 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou este luns cinco proxectos que, no marco dos Next Generation, aspiran a mobilizar dos fondos europeos máis de 1.200 millóns de euros para impulsar o sector forestal. En concreto, Galicia presentará para obter estes fondos europeos 108 iniciativas que superan os 9.700 millóns de euros, entre eles os proxectos debullados este luns nun foro en San Cibrao das Viñas (Ourense) polo titular da Xunta.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no foro celebrado en San Cibrao das Viñas (Ourense)
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no foro celebrado en San Cibrao das Viñas (Ourense) | Fonte: Xunta.

Na súa intervención, o máximo mandatario galego subliñou a importancia da "creación dunha fábrica de viscosa" para "confeccionar roupa a partir de madeira".

Feijóo dividiu os proxectos en dous bloques. Sobre o primeiro destacou que está vinculado a "procurar a xestión respectuosa dos montes galegos" mediante a posta en marcha dun proxecto que ten como obxectivo "a produción de fibra téxtil" empregando madeira certificada.

Segundo indicou, trátase do "proxecto máis ambicioso" en canto ao sector forestal posto que implica "a creación dunha fábrica de viscosa sustentable a partir da celulosa da madeira para o seu uso na industria téxtil".

O presidente indicou que se trata de "construír a primeira fábrica de viscosa en toda Galicia, cun investimento de 950.000.000 de euros" cuxo obxectivo será "que esa fibra estea homologada ás demandas das multinacionais". Ademais, precisou que esta iniciativa permitirá xerar 250.000 toneladas de fibra de celulosa sustentable anuais e un consumo de 1,5 millóns de metros cúbicos de madeira por ano.

Tamén recalcou que este proxecto levaría unha "explotación sustentable do monte" e "pechar o ciclo de aproveitamento da madeira adecuada á economía verde que demanda o resto de Europa" subliñando que o tecido forestal pode "situar Galicia na vangarda dando un salto cualitativo do sector forestal".

Deste xeito, asegurou que permitiría a contratación de máis de 1.000 persoas no contexto da fábrica e que este proxecto está vinculado con outros relacionados cos montes veciñais como a creación de devasas e a mellora do servizo de prevención e defensa contra os incendios.

No segundo bloque, presentou catro proxectos que sumarán un investimento de 38 millóns de euros, dos cales 26 centraranse no impulso da construción con madeira en edificios de contornas urbanas rurais e industriais.

Sobre os outros tres proxectos expostos este luns, cada un deles disporá de catro millóns de euros. Consistirán nunha planta piloto de novos materiais sustentables, derivados da madeira, con aplicación na industria estratéxica galega; o segundo suporá un impulso do ecodiseño e a economía circular "co obxectivo de achegar axudas dirixidas a empresas para mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro e reducir o consumo de materias primas"; e, o terceiro, na dixitalización da industria forestal "con vista a mellorar a competitividade".

O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou que estes proxectos "están aliñados cos obxectivos da Unión Europea" e que contribuirán ao desenvolvemento do rural galego "xerando emprego e fixando a poboación".

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural, José González, manifestou que se "busca impulsar a biodiversidade e pechar o círculo de aproveitamento da madeira en Galicia".

Feijóo enmarcou este traballo no contexto do Plan Forestal do que destacou "é unha ferramenta crave para definir o monte que queremos para os próximos 20 anos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta