A Xunta ratifica o plan de continxencia que reforza o persoal sanitario con 1.250 contratos

O documento foi pactado en mesa sectorial cos sindicatos CC.OO., CSI-F e SATSE, pero descolgáronse UGT e CIG.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/12/2020 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

O Goberno galego publica este martes no Diario Oficial de Galicia (DOG) o plan de continxencia que reforza o persoal sanitario fronte á pandemia coa incorporación de máis de 1.250 contratos. Dito documento foi pactado en mesa sectorial cos sindicatos CC.OO., CSI-F e SATSE, pero descolgáronse UGT e CIG (a organización sindical maioritaria no sector sanitario autonómico).

Na parte expositiva, o texto subliña a "especial relevancia" das medidas que teñen como obxecto "impulsar o número de profesionais dispoñibles" para o desempeño de "vínculos temporais", cuxo déficit se ve agravado non só polo incremento da presión asistencial nos centros sanitarios, senón tamén "pola existencia de novas actividades e novos ámbitos de actuación" (como rastrexo, apoio en centros sociosanitarios ou covid auto, por exemplo).

Así, ratifica que se introducen novas modalidades de nomeamento eventual "máis estables pola súa duración" --coa previsión de 1.250 contratos de entre seis meses e un ano-- e polo "trato máis favorable" aos aspirantes.

E incídese no "recoñecemento explícito" ao "extraordinario e meritorio esforzo de dedicación, responsabilidade e compromiso" por parte do persoal sanitario que desenvolveu o seu traballo nunha situación complexa como a marcada pola covid-19, sobre todo naquel cunha atención continuada a pacientes, "que comporte un uso continuado de EPI completo, en plantas de hospitalización covid, unidades de críticos, circuítos covid, covid auto e 061".

PLUS DE PUNTUACIÓN

Neste escenario, o diario oficial ratifica que se concederá unha puntuación adicional específica que valore a dispoñibilidade e as categorías deficitarias (médico de familia, pediatra de Primaria, médico de urxencias hospitalarias, enfermeiro, matrón e técnico en coidados auxiliares de enfermaría) nas que será de aplicación, sen que en ningún caso se poida superar a puntuación total máxima do baremo fixada en 100 puntos.

Conforme transcendera na mesa sectorial, a puntuación será a seguinte: por cada mes completo de dispoñibilidade no período comprendido entre o 1 de marzo de 2020 e o 15 de outubro de 2021: 0,15 puntos/mes. Os meses serán computados por días naturais. Para iso, calcularase o número total de días de dispoñibilidade no período indicado e dividirase entre 30.

Esta puntuación aplicarase exclusivamente nos baremos de selección temporal e farase efectiva a partir das listas definitivas correspondentes ao seguinte proceso de actualización .

NOMEAMENTO POR EMERXENCIA SANITARIA

O "reforzo por emerxencia sanitaria" será unha nova causa específica dos nomeamentos eventuais e permitirá atender necesidades de persoal que se produzan en centros de atención primaria hospitalaria, e centros sociosanitarios, durante a situación de emerxencia sanitaria.

A súa duración inicial será de seis meses (con inicio en decembro) e estará posteriormente vinculado á evolución da situación, polo que poderá prorrogarse e superar os seis meses no período dun ano cando así o requira a duración da emerxencia.

En atención "a un primeiro estudo de necesidades", Sanidade prevé realizar uns 1.250 contratos distribuídos entre as sete áreas sanitarias. Así, para enfermaría prevense 600 nomeamentos (á marxe doutros 150 xa anticipados con 12 meses de duración).

Aos de enfermaría haberá que sumar outros 500 contratos de diversas categorías (técnico en coidados auxiliares de enfermaría, celador e técnico superior sanitario). O texto do DOG tamén ratifica, nos termos acordados na mesa sectorial, as cuestións de teletraballo, flexibilidade horaria, permisos e descansos.

Unha sanitaria prepara probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo).. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS
Unha sanitaria prepara probas PCR en Monforte de Lemos (Lugo).. CARLOS CASTRO - EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta