LOE, LOMLOE, Lei Wert, Lei Celáa... É a educación un campo de batalla da política?

A LOMLOE ou Lei Celaá é a oitava norma da democracia para crear un marco legal xeral para todo o Estado. As diferenzas ideolóxicas, os intereses creados (moitos deles económicos) arredor da educación e as posturas enfrontadas sobre temas concretos, crean unhas divisións entre partidos e comunidade educativa que parecen insalvables. GC fala con distintos organismos educativos sobre os continuos cambios das leis educativas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/12/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

As posturas contra a Ley Orgánica de Modificación de  la LOE (LOMLOE) estouparon cando en diversas cidades do Estado, incluída a capital, saíron á rúa persoas contrarias á nova norma. Denunciaban que se atacaba o dereito dos pais a escoller centro, que non se ten en conta a demanda social sobre o currículo académico dos centros. Desde a Consellería de Educación destacan que o Goberno non tivo en conta ás CCAA para consensuar o texto e, insiste, estase a cortar a liberdade de elección da concertada baixo criterios económicos.

Escolares debuxando nunha aula.. GOBERNO VASCO
Escolares debuxando nunha aula.. GOBERNO VASCO

MOITAS POSICIÓNS, DÚAS POSTURAS

As posicións contrarias á LOMLOE baséanse principalmente, en que se vulnera o dereito dos pais e nais a escoller o centro educativo e o tipo de educación para os seus fillos. Consideran que a programación e oferta educativa e de prazas non ten en conta a demanda social, o que queren as familias. “Se a educación non é como queiran os pais, o sistema educativo será aquel que indique o goberno de turno” din desde a Federación Autonómica de Centros de Ensino que forma parte da  Confederación Española de Centros de Ensino (CECE).

Escolas Católicas de Galicia remarca esta postura declarando que se "se aposta por un modelo de educación único que é o público e só temos unha posibilidade elimínase a posibilidade de elección. Nós pedimos a convivencia das 2 redes, pública e concertada, como corresponde a unha sociedade plural”.

Isto último parece estar en consonancia coa reposta da Consellería de Educación. Para o departamento de Román Rodríguez a LOMLOE pretende “impoñer un modelo educativo, e non ofrece ningunha outra opción a quen non pode pagar un centro privado. Consideramos que isto é retrógrado”.

O presidente do PP, Pablo Casado, conduce un coche acompañado da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, durante unha manifestación de vehículos en apoio á educación concertada. Eduardo Parra - Europa Press
O presidente do PP, Pablo Casado, conduce un coche acompañado da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, durante unha manifestación de vehículos en apoio á educación concertada. Eduardo Parra - Europa Press

Desde ANPAs Galegas, Fernando Lacaci sinala que esta lei dá uns pasos tímidos como eliminar algúns reforzos que tiñan tanto a privada como a concertada. Sobre a liberdade de elección dos pais, “a liberdade de elección está garantida en todo o Estado, hai numerosos artigos que garanten a elección de centro”.

“Os cambios no modelo educativo teñen que vir polo consenso e deberan ser realizados por especialistas como educadores, psicólogos, profesores, técnicos en definitiva” di Bertila Fernández de Foanpas. “A diversidade social da vida debe entrar nas aulas, o actual modelo non acompaña á sociedade porque hai necesidades específicas”.

Antón Bermello da CIG-Ensino cre que as présas de Celaá por modificar a LOMCE (a lei Wert), eliminar “puntos nocivos da LOMCE, podíase derrogar o máis lesivo, mais a ministra quería unha reforma limitada”. Unha mostra de que a nova lei educativa apenas supón avances segundo CIG-Ensino é “o concordato preconstitucional que mantén a cadeira de relixión católica en centros públicos”.

Lois Pérez, do STEG, apunta tamén “luces e sombras” como son os rateos de alumnos por aula e profesor, “que deberían baixar por lei para mellorar a calidade educativa”. Por outra parte, Pérez cre que a lei esquece elementos como que en FP os profesores que imparten materias de secundaria e os que impartan materias técnicas (especialidades) poidan formar un corpo único de profesorado de FP.

Luz López de CCOO-Ensino sinala que están “relativamente satisfeitos” eliminan partes lesivas da LOMCE, “como retirar o concerto aos centros que segreguen por sexo, quitan a demanda social para articular a escolarización do alumnado”. Sobre este punto López remarca que “os pais teñen dereito a escoller a educación e centro onde levar os seus fillos? Si, mais non cos cartos que pagamos todos”.

A “eliminación” da libre elección de centro e modelo educativo “é unha falsa bandeira de liberdade porque a lei non persegue a ninguén, só busca un sistema educativo público” di Felipe Balboa de UGT-Ensino. “Quen escolla primeiramente un centro para escolarizar os seus fillos terá dereito a escolarizalos nese centro, por tanto a liberdade de elección non se cuestiona coa nova lei.”.

CUESTIÓN DE IDEOLOXÍA?

Desde CECE apuntaban que a política educativa pode quedar en mans do goberno de turno. Poden entón os valores ideolóxicos tinguir as leis e os sistemas educativos nunha democracia? “Hai unha tensión económica porque detrás existe un negocio moi potente que move moito diñeiro” di Fernando Lacaci. Este negocio sería a creación de novos centros concertados cando así o faciliten as autoridades autonómicas.

“Os intereses das empresas detrás da educación concertada, a patronal das concertadas e parte dos pais, non queren que existan distritos educativos” di Xesús Bermello. A eliminación dos distritos, apunta Bermello, ampliaría a clientela para a concertada.

Mais se imos a unha cuestión puramente educativa, ANPAs Galegas sinala que a parte formativa do centro esquerda sería unha formación para a cidadanía con métodos inclusivos. A dereita pola súa parte, cre na formación para o traballo, para dotar de ferramentas ás persoas que cre válidas para o mercado laboral.

Preguntados sobre a non computación da materia de Relixión para a ABAU e o currículo escolar e se se estaría discriminando a familias crentes, Escolas Católicas de Galicia remítese ao artigo 27.3 da Constitución sobre o dereito a elixir a educación moral ou relixiosa. Tamén cómpre recordar que “a materia de Relixión non é unha catequese e que hai moitos pais e nais non crentes que consideran que esta materia debe formar parte da educación integral dos seus fillos e fillas”.

DIÑEIRO

Un dos elementos que tamén alimentaron as diferentes protestas contra a LOMCE e que en principio quere corrixir a nova lei educativa, é o diñeiro que recibe a concertada desde as institucións públicas. A Consellería de Educación responde que os centros concertados reciben un orzamento en función do número de unidades concertadas que teñen, en base ao módulo económico prefixado.

Indican ademais que “case o 90% (do orzamento que reciben os concertados) está destinado a abonar as retribucións do persoal docente en réxime de pago delegado e do persoal complementario nas unidades de educación especial”.

Outra das polémicas coa concertada e que a lei Celaá quere romper, é que pais e nais con fillos en centros concertados teñan que pagar cotas á parte do diñeiro recibido da Administración. Escolas Católicas responde a isto que a lexislación actual prohibe o cobro de cotas obrigatorias. A educación impartida nos colexios concertados é gratuíta mais “os pais poden contribuír, de forma totalmente voluntaria e sen contraprestación de ningún tipo, con achegas para colaborar coas entidades titulares”.

A LOMLOE nace cunha forte división entre dúas posturas moi diferentes de entender a educación. Unha baseada no mérito, capacidade e encamiñada a darlle resposta ao mercado laboral, sen profundar en cuestións de carácter social, e a outra baseada na creación dunha sociedade inclusiva tendo en conta a diversidade. As dúas posturas non teñen trazas de querer chegar a un consenso a medio prazo.


A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá,  16 de xuño de 2020.. EUROPA PRESS
A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, 16 de xuño de 2020.. EUROPA PRESS | Fonte: E. Parra. POOL - Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta