Acordo entre PP e BNG contra o "agravio absoluto" da Lei de Costas para o sector do mar en Galicia

O PSdeG abstívose na proposición non de lei dos nacionalistas apoiada polos 'populares'.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/12/2020 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

O Partido Popular de Galicia e o Bloque Nacionalista Galego chegaron a un acordo para instar o Ministerio de Transición Ecolóxica a acordar co sector mar-industria galego calquera modificación de lei de costas no referido a a vixencia das concesións administrativas asentadas á beira do mar.

Comisión de Pesca
Comisión de Pesca | Fonte: Parlamento de Galicia.

En concreto, os populares apoiaron este martes na Comisión de Pesca do Parlamento de Galicia unha proposición non de lei dos nacionalistas, que tamén reclama a supresión de oficio do artigo 18 do actual proxecto de lei de cambio climático e transición enerxética. Pola súa banda, os socialistas optaron pola abstención.

E é que, segundo asegurou a deputada do BNG Rosana Pérez, este artigo representa de facto unha modificación da Lei de Costas e prexudica o tecido mar-industria que, ademais de ser fundamental en Galicia, é en xeral unha actividade sustentable.

A representante do Bloque asegurou que a súa formación non comparte que todas as empresas e industrias asentadas en terreo de dominio público terrestre sexan nocivas e lamentou a confusión xerada polo citado artigo. Todo iso nun contexto no que, na súa opinión, o PPdeG "non contribuíu absolutamente en nada a enriquecer o debate ao aproveitar para facer unha campaña utilizando datos que na súa inmensa maioría non teñen nada que ver coa realidade".

A pesar desta crítica, a medida contou co apoio do grupo maioritario, cuxa parlamentaria Teresa Egerique acusou o Goberno do Estado de lexislar para o Levante e o Mediterráneo no que considera un "agravio absoluto" para o sector do mar en Galicia.

"Montaron barullo con ese artigo e ninguén se está inventando nada, os propios xuristas que defenden o sector son os que din que se van cargar o sector", manifestou Egerique, que trasladou o apoio "sen timidez" do seu grupo a esta iniciativa por considerar que vai na liña do defendido polo PP en varias ocasións na Cámara.

"Levamos falando deste tema desde abril porque sabiamos que era un agravio e un ataque absoluto a este sector", incidiu. "Se queren seguir defendendo a Sánchez sigan, nós seguiremos defendendo Galicia", afeoulle aos socialistas.

ABSTENCIÓN DOS SOCIALISTAS

Pola súa banda, a deputada do PSdeG Patricia Otero acusou a BNG de descoñecer o contido do citado artigo e asegurou que o Ministerio está comprometido a escoitar o sector para modificar a normativa de costas.

Ademais, acusou a Xunta de utilizar o texto para "alarmar" aos titulares de todo tipo de explotacións e afirmou que é "falso" que vaia dar lugar á terminación das concesións.

"A Xunta e o PP crean moito rebumbio con este tema pero non son capaces de traer o debate porque saben que é unha polémica estéril e sentimos que haxa outros grupos que lle fagan os deberes ao PP", censurou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta