Feijóo, sobre o seu paseo sen máscara con Casado: "Pido desculpas"

O presidente autonómico deu negativo na PCR e non fará corentena por non considerarse "contacto estreito" da conselleira do Mar. A oposición denuncia a súa "irresponsabilidade" durante o acto con Pablo Casado na Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2020 | Actualizada ás 13:59

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, deu negativo, do mesmo xeito que o resto dos integrantes do seu Goberno, na proba PCR que se lle practicou despois de que o pasado venres participase, xunto ao líder nacional do seu partido, Pablo Casado, nun acto na Coruña con numerosos dirixentes políticos.

Feijóo non fará corentena, como tampouco o fará o resto de integrantes do seu goberno, que tamén deron negativo, despois do positivo da conselleira de Mar, Rosa Quintana, que a pasada semana viaxou a Bruxelas no marco das negociacións das cotas pesqueiras polo Brexit. A preguntas dos xornalistas, indicou que se cumpre o protocolo e que non debe gardar os dez días porque non foron "contacto estreito" e, en todo caso, sobre os momentos de intercambio de saúdos sen máscaras, xustificou que foron apenas un segundos pero pediu "desculpas".

A pesar de non ser, segundo as explicacións dadas polo presidente autonómico, "contacto estreito", o Sergas fixo un cribado inmediato durante o fin de semana a todos os asistentes ao acto do PP na Coruña. Entre outros, acudiron o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, o segundo, Francisco Conde, os titulares de Medio Ambiente --Ángeles Vázquez-- Infraestruturas --Ethel Vázquez-- e Política Social --Fabiola García--, os presidentes provinciais, incluído o vicepresidente da Cámara, Diego Calvo, e o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, que non participou presencialmente na reunión do Consello da Xunta do xoves, informou a través das súas redes sociais de que era positivo asintomática, apenas unhas horas despois de acudir no acto do PP, na tarde noite do venres.

"NON CONTACTO ESTREITO"

"En relación coa corentena, todos estamos obrigados a cumprir o protocolo do Sergas, se estivésemos nese suposto, tería que facer corentena, como non estamos nese suposto, non se fai corentena", sinalou Feijóo, quen dixo que o seu coa conselleira foi "un contacto non estreito" nun acto "onde se cumpriron as normas". Ademais, Feijóo engadiu que o contacto "espóradico" que houbo, foi con "máscara, cumprindo todos os protocolos".

En todo caso, o presidente autonómico manifestou "non ter inconveniente en pedir desculpas se hai que pedilas" polos contactos que houbo sen máscara, como acreditaron persoas que acudiron ao acto. O dirixente popular encadrou o ocorrido nos "segundos" entre que "un fala" e se pon a máscara e "se pode tocar a unha persoa". "Se iso pode producir algún interrogante, o primeiro que ten que desculparse son eu", manifestou Feijóo, quen insistiu en que "se cumpriron os protocolos, por precaución fixéronse as PCR e, non habendo contactos estreitos, os que acreditan PCR negativa non teñen que cumprir a corentena".

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Precisamente coincidindo co debate de orzamentos no Parlamento, os líderes do BNG e PSdeG, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, afearon as imaxes de Feijóo sen máscara no acto con Casado do pasado venres na Coruña. Tras desexar unha pronta recuperación á conselleira do Mar, Ana Pontón dixo que lle parece "un asunto moi grave que debe ser aclarado". Lamenta que despois da "irresponsabilidade" de facer "un posado" sen máscara con Casado ante fotógrafos ao día seguinte Feijóo pedise "sentidiño" á cidadanía. “Non se pode pedir sentidiño, reñer á xente moza e despois dar tal mostra de irresponsabilidade”, critica.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este luns en intervención aos medios
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este luns en intervención aos medios | Fonte: Europa Press

Nesta liña, tamén no pleno do Parlamento, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, comezou a súa intervención cun chamamento á "prudencia" e á "responsabilidade" para "extremar todas as medidas". Pide aos representantes públicos dar exemplo para que "ningún erro de ninguén" poida supor contaxios. Por iso, o líder dos socialistas galegos demanda aos políticos que sexan "máis responsables que nunca" e apela a "non baixar a garda", "nin cometer imprudencias". Precisamente, Gonzalo Caballero considera que os orzamentos de 2021 "son tan cribles como o señor Feijóo falando de 'sentidiño' sen máscara".

Tamén dende Podemos Galicia se suman a estas críticas ao presidente da Xunta. "Non queremos deixar de sinalar a inmensa hipocrisía e a absoluta irresponsabilidade do presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, que logo de esixir ‘sentidiño’ e grandes esforzos ás galegas durante esta pandemia, saltou o peche e as restriccións para organizar este venres un acto de partido na Coruña xunto ao lider do PP, Pablo Casado, que ademais dunha imprudencia foi un teatro de vaidade política", denuncian.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta