GC Aberto

Triste historia dun malogrado aguiucho do norte

Non é doado ser pitiño de águia peixeira no norte da fría Europa. Cando non é a neve é a saraiba. O cumio dunha ábore non é lugar para titubeos. Nacemos asomados ao risco. Se un golpe de vento non te defenestra, medramos piando para que o peixe que regurxitan os nosos proxenitores sexa farto e alcance para que despreguemos as ás coa forza da nosa especie.

Por Ecoloxistas (http://www.facebook.com/ecoloxistasenacciongaliza/) | GC ABERTO | 26/12/2020

Comparte esta noticia

Un exemplar de aguia peixeira
Un exemplar de aguia peixeira | Fonte: EP

A diferencia das mediterráneas, as águias peixeiras do norte aniñamos nas árbores, recias aturamos o vento sen refuxiarnos nos cantíns mariños como as nosas acomodadas curmás. Elas, sedentarias, non son ávidas de novos paisaxes coma nós. O nomadismo flúe polas nosas prumas norteñas.

Medramos, e cando chega o momento de voar, voamos, e voamos en todas as direccións, pero eu devezo por ir ao sur. Fuxir deste frío. Coñecer mundo, ir costeirando e quen sabe, se cadra até damos chegado a África. África! Imaxinádevos?. Pero moitos perigos axexan na viaxe. Os cazadores furtivos, os tecidos eléctricos ou as intoxicacións por velenos poden dar coas nosas plumas no chan.

Eu saín do niño no vrán. En canto tiven forzas, os meus pais ensináronme a pescar e a rifar coas gaivotas. As moi abusonas teiman en roubarnos o peixe. Aprenderei a domeñar o vento e a enfrontarme a unha treboada. O meu berro ecoará no val. 

Algo sucedeu, non lembro me ben, todo é difuso na miña cabeza. Teño medo, estou mollado e aterido de frío.  miñas ás non queren elevarse. Desgañítome pero os meus pais non veñen a por min. Se a noite me atopa aquí só, a escuridade será antesala do terror a ras do chan. 

Algo grande me está mirando. Achégase. Estira ás súas gadoupas. "

O azar levou a Teté ante o amedrentado pitiño. O fío para o gando que desenrolaba entrelazou ás súas vidas. Tras días de temporáis, que fan aínda máis duro o traballo de gandeira nas Mariñas Coruñesas, a chuvía parecía amainar. Coma un venres calquera, Teté fora termar das vacas preto do regato. Na beira de enfronte estaba o animal fitando nela con aqueles ollos hipnóticos, ambas cruzaron a mirada abraiadas. A súa excitación nadaba no medo ao desconocido. 

O cortexo foi breve. A Teté non se lle escapaba que un animal salvaxe non permanece inerme ante un humano senon está impedido por algunha causa. Decidida a salvar aquel trémolo paxarol branquinegro, con máis cariño que coñecemento arroupouno con coidado de non mancalo, e levouno con ela na procura de auxilio. 

Na casa, dilixente, foi atendendo todas as instruccións doutro lado do teléfono. Puxo a resgardo a cría de águia peixeira no baixo da casa e chamou sen demora ao centro de Recuperación de fauna Salvaxe de Oleiros. Sendo informada da singularidade da ave ao seu coidado agardou impaciente a prometida chegada dos expertos. Acuciada pola responsabilidade de velar por un ave en perigo de extinción non dubidou en volver a demandar asistencia ao centro de recuperación. Os minutos convertéronse en horas. O día deu paso a noite e coa noite ao terror a ras de chan.  

Teté fixo a derradeira chamada ao centro de recuperación, a premura e axitación xa non caractetizaban a súa fala, só a pesadumbre pesaba na súa voz. A fermosa ave pasara xa ao outro prano da  existencia. 

A águia peixeira (Pandion haliaetus) é un ave de rapiña vencellada ao medio acuático, estritamente piscívora, cunha ampla distribución mundial. En España, é unha especie moi escasa cuxa poboación nidificante chegou a extinguirse no territorio peninsular nos anos 80, quedando unha poboación mínima asentada nos arquipélagos canario e balear.

Na Galiza a especie preséntase raramente nos pasos migratorios e como invernante regula na zona costeira e algúns encoros interiores. Tendo estes exemplares unha orixe principal na poboación nidificante reintroducida nas illas Británicas e na recuperada do Norte e Centro de Europa. Na actualizade están en marcha varios proxectos de reintroducción que pescudan a recuperación da pobación nidificante peninsular, en varios puntos de España e Portugal con diferentes graos de éxito. Segundo os datos da Sociedad Española de Ornitología, na actualidade contamos somentes con 48 parellas nidificantes en España, 5 en Portugal (cunha tendencia negativa nos derradeiros anos depois dunha positiva) e unha poboación invernante duns 348 exemplares.

A aparición dun exemplar ferido ou en mal estado debería ser razón suficiente para que en calquer punto da Galiza se encendesen as alarmas para tratar de evitar a morte dun exemplar desta especie no territorio. Xa que ante a escasez de exemplares todos e cada un deles son moi valiosos. 

En Ecoloxistas en Acción somos moi conscientes da falla de medios materiais e humanos dos que adoece a gardería medioambiental. A pesar de recoñecer estas limitacións consideramos inxustificable o acontecido en Ortigueira con este exemplar de águia peixeira vitima da neglixencia humana. 

As ecoloxistas consideramos que este caso debe ser sometido a unha profunda investigación para evitar que se volte a producir unha desatino similar. Todas as especies protexidas deben ser obxeto dun seguimento estrito, riguroso e eficaz, cun protocolo preestablecido claro, conciso e de obrigado cumprimento para estas situacións. Unha pauta de actuación similar ao que xa acontece cos varamentos de mamíferos mariños, na que existe unha rede de varamentos capitaneada pola Cooordinadora para o estudo dos mamíferos mariños de Galiza, CEMMA. 

É imprescindible reforzar o servizo de gardeiria medioambiental na Galiza dotándoo de máis medios materiais e recursos humanos. Duplicar o número de Centros de Recuperación de Fauna Salvaxe no país e dotalos dun servizo de recollida de animais feridos 24 horas ao día os 365 días do ano. Estas medidas deben ir acompañadas dunha campaña educativa para que a poboación saiba dos recursos dos que dispón a Xunta de Galicia e do protocolo a seguir no caso que unha persoa se atope un animal ferido. Débese garantir a recollida de calquer animal ferido nun periodo mínimo de duas ou tres horas como máximo.

Alberto Rivero e Cristóbal López | Ecoloxistas en Acción

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta