Case 4.000 empresas supostamente galegas teñen a súa sede social fóra de Galicia

Galicia pechou o 2018 con 252.288 empresas. Menos do 2% delas teñen máis de 20 empregados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2020 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

O número de empresas con actividade económica en Galicia aumentou un 0,09% en 2018, ata situar o total en 252.228 a 1 de xaneiro de 2019, segundo a explotación estatística do directorio de empresas e unidades locais que elabora o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Destas, o 98,42% teñen a súa sede social en Galicia e o 1,58% restante (3.983 empresas) sitúano nun lugar fóra da comunidade autónoma. Segundo a personalidade xurídica, a persoa física é a tipoloxía máis habitual dentro do tecido empresarial galego, xa que o 62,44% das empresas con actividade en Galicia pertencen a esta tipoloxía. A continuación, atópanse as sociedades limitadas, que supoñen o 27,60% das empresas con actividade na comunidade autónoma.

O IGE destaca que a distribución das empresas segundo a personalidade xurídica varía en función do sector de actividade. Deste xeito, dentro do sector primario (agricultura e pesca), o 88,73% das empresas son persoas físicas, mentres que para a industria e a enerxía esta porcentaxe baixa ata o 39,18%. Neste sector, case a metade das empresas (o 49,51%) adoptan a forma xurídica de sociedade limitada.

Por outra banda, na construción o peso das persoas físicas é tamén superior ao das sociedades limitadas, pero ambas as porcentaxes están máis próximos que no caso do sector primario (51,35% e 41,19%, respectivamente). Por último, no sector servizos, o 60,13% das empresas corresponden a persoas físicas, o 28,98% a sociedades limitadas, o 1,56% a sociedades anónimas, o 0,40% son cooperativas e o 8,92% restante adopta unha forma xurídica distinta ás tipoloxías presentadas.

Atendendo á actividade principal, o 20,62% das empresas dedícanse a actividades de comercio e reparacións. Séguenlle en importancia as empresas dedicadas á agricultura, gandaría, silvicultura e pesca (16,25%) e á construción (12,35%).

Polígono industrial de A Granxa
Polígono industrial de A Granxa

ASALARIADOS

O día 1 de xaneiro de 2019 había en Galicia un total de 169.450 empresas sen asalariados, o que supón aproximadamente o 67,18% do total de empresas con actividade na comunidade autónoma. Ademais, 46.363 empresas contaba cun ou dous asalariados (o 18,38% do total de empresas). As empresas con actividade en Galicia e con polo menos 20 asalariados representan o 1,95% do total de empresas.

As porcentaxes máis altas de empresas con ningún, un ou dous asalariados obsérvanse no sector primario, onde o 96,45% das empresas teñen esta característica. No outro extremo atópase o sector industrial (incluída a enerxía), onde a porcentaxe de empresas que non chega a tres persoas asalariadas é do 67%.

CIDADES

O 43,59% das unidades locais exitentes en Galicia o día 1 de xaneiro de 2019 estaban situadas nalgún dos sete grandes municipios galegos. Os concellos de Vigo e A Coruña son os que concentran un maior número de unidades locais, con 28.172 e 27.471, respectivamente.

O 2,5% das unidades locais emprazadas na Comunidade Autónoma de Galicia conta con 20 ou máis asalariados. Un total de 79 concellos mostran unha porcentaxe de unidades locais con 20 ou máis asalariados superior á media galega. Destaca o concello de Carballeda de Valdeorras cunha porcentaxe de unidades locais nesta tipoloxía do 21,05%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta