O día no que EEUU foi Jackass

De súpeto un seis de xaneiro os EEUU detivéronse diante da televisión para presenciar, incrédulos, unha sorte de sublevación golpista que acabou convertida nun especial de Jackass.

Por Galicia Confidencial | Chicago | 09/01/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Diego E. Espiño, profesor na Saint Xavier University en Chicago

Trump, presidente dos Estados Unidos
Trump, presidente dos Estados Unidos

Ao país que leva máis da metade da súa curta historia financiando e provocando golpes de estado noutras latitudes custáballe recoñecer un na propia casa. Máis unha vez, a historia repetida coma o 18 Brumario de Louis Bonaparte: primeiro coma traxedia e despois como farsa. Se en 1814 as tropas británicas arrasaban o Capitolio no transcurso da guerra de 1812-1815, en 2021 un grupo de seguidores do presidente asaltaba o símbolo da soberanía e a democracia estadounidense. Unha sorte de autogolpe, unha insurrección ou unha “revolución”, segundo os trumpistas, cuxo horizonte resultou ser un story de Instragram. Puro Trump, pura televisión que deixou moitas caretas tiradas polo chan e até cinco vítimas mortais, catro asaltantes e un axente de policía.

E non era porque non estabamos avisados da intentona, do esperpento, do último estertor dun presidente nacido como anomalía e convertido en icona do rexurdir filofascista que percorre medio mundo. Desde as eleccións de novembro, Donald J. Trump non fixera outra cousa que recordar aos seus que non estaba pola labor de deixar a Casa Branca, de pedirlles loita e entrega. Namentres ás portas do Capitolio en Washington decenas de miles de trumpistas congregábanse na marcha para “Salvar América” (de si mesmos?), dentro do simbólico edificio, un grupo de senadores republicanos díscolos comandados polo texano Ted Cruz estaban enfrascados nunha misión entre suicida e ridícula, pero que respondía ao chamado do líder: evitar a certificación dos resultados do xa célebre colexio electoral que neste país nomea presidentes (306 de Biden polos 232 de Trump) por parte do Congreso.

Levaba Trump dous días poñendo presión no seu vicepresidente, Mike Pence, e o mércores ante os seus volveuno facer. Pouco ante de que demócratas e republicanos iniciaran un debate puramente teatral (as obxección do grupo de díscolos serían tombadas por unha a unha por unha maioría de congresistas e senadores de ambos partidos) o presidente-anomalía arengaba aos seus fieis na explanada do Capitolio: “nunca nos renderemos, nunca recoñeceremos (a vitoria de Biden)... Agardo que Mike (Pence) faga o correcto, deséxoo. Porque se Mike Pence fai o correcto, gañamos a elección. Todo o que o vicepresidente ten que facer é enviar de volta os votos electorais aos estados para que sexan certificados de novo e nós volvemos á presidencia e vos sodes os máis felices do mundo”.

Antes, o fillo, Donald Trump Jr. lanzaba a tradicional ameaza aos membros do partido: “mellor que estes tipos loiten por Trump. Porque se non, adiviñas que? Estarei no teu xardín nun par de meses!”. Por se algúen tiña dúbidas, insistiu “esta marcha debería enviarlles unha mensaxe: este xa non é o seu Partido Republicano! Este é o Partido Republicano de Donald Trump!”. Pero Pence fixo o que se esperaba del, dun político que foi escudeiro de Trump durante catro anos, dun ultra conservador, un republicano relixioso pero, a diferencia do presidente, un político profesional e como tal cinguiuse á Constitución. Foi a gota que colmou o vaso. Trump disparou ao seu vicepresidente e o resto xa é historia. Máis tarde, co Capitolio tomado pola turba, Trump Jr. lavou as mans vía Twitter: “isto está mal e non é o que somos”, dixo. Poren, iso era exactamente quen son.

Partidarios de Trump entrando ao Capitolio, 6 de xaneiro de 2021
Partidarios de Trump entrando ao Capitolio, 6 de xaneiro de 2021 | Fonte: EP

Trump enviou o mércores un vídeo de 62 segundos. En 62 segundos repetiu que as elección foran un fraude, e, tras dicirlle aos seus que eran “especiais”, pedía que voltaran a casa. Máis nada.

Certo é que a pantasma que percorre os EEUU non comezou con Trump e si deu os primeiros pasos en 2009, apenas estreada a primeira lexislatura de Barack Obama co país roto polas consecuencias da crise-estafa de 2008. Dos pos do Tea Party baixo o lema de “I want my country back” ven esta lama de Trump, que só tomou corpo en 2015 cando gañou, contra todo prognóstico e por incomparecencia du Partido Demócrata, os comicios de 2016. É Trump unha promesa antiestablishment espida coma o rei do conto infantil. Debaixo non había nada máis que a farsa do conflito permanente: unha narrativa anti- exercida, por primeira vez na historia das democracias, desde o poder e o seu establishment tanto mediático como económico.

Como dicirlle aos habitantes do imperio que o imperio está quebrado? América espertou un día e descubriu que a alma negra que se afana por soterrar a diario aínda estaba aí: toda esa baralla de ansiedades económicas, sexuais, raciais e relixiosas. A América profunda —literal e metafórica— contra a América urbana e liberal. Un enfrontamento mais artificial que real pero ao que moitos —desde todos os estremos do espectro político e mediático—, acudiron para tratar de explicar o dedo que seguía a ocultar lúa. Trump, mestre da comunicación de masas, soubo como ninguén explotar os baixos instintos dos seus compatriotas e, máis importante, acudiu ao rescate dun partido sen proxecto político algún máis aló da preservación dos privilexios da elite: mentres din que América debe ser un país aberto, multicultural e liberal (sexa o que sexa o que signifique este termo) chegou Trump e foi quen de falarlle, sen trabas, á América ultraconservadora e branca, que non é só unha cor senón unha cultura e unha forma de entender a nación: vos sodes as vítimas, eu Moisés e veño a guiarvos a través do mar (de) roxo(s).

Vinte catro horas tardou Trump en volver a aparecer tras o espectáculo do mércores. Outro vídeo pregravado, algo máis de dous minutos. Un día despois e no mar de especulacións sobre a súa situación —hai dúbidas sobre a súa capacidade de manobra executiva— daba o presidente un discurso que chegaba con dous meses de retraso: recoñecía a derrota electoral, chamaba a superar as divisións e condenaba a violencia. Resultou un patético epílogo para un mandatario que quixo entrar na historia por unha porta dourada e acabará por saír dela arroxado polo sumidoiro.

Trump é agora mesmo un apestado, material radioactivo. Nas últimas 48 horas a metade do arco político e empresarial estadounidense, a todos os niveis, esforzábase en borrar todo rastro da súa relación con Trump & family. Exércitos de secretarias chamando ás mesmas tecnolóxicas que deron cabida sen problema á retórica trumpista e ao universo conspiranoico no que o aínda presidente asentou as súas bases. As mesmas tecnolóxicas que onte suspendían as contas de Trump. (Se son quen de suspender a conta do mesmisimo presidente de EEUU imaxinen o que farán coa súa, circulen). Velaí o “gran reseteo” do que os señores con capirotes de aluminio na cabeza levan alertándonos meses.

Ver Fox News, escoitar á maioría dos republicanos e a unha boa parte dos tertulianos trumpistas é hoxe trasladarse á Alemaña de 1945. Quedan os irredentos coma Sean Hannity ou Laura Ingraham, que son Göring e Martha Goebbels, respectivamente. O sinalamento de colaboradores necesarios a nivel político non acaba máis que comezar e está por ver que percorrido terá. É dificil establecer responsabilidades cando todos puxeron da súa parte.

Atrévome a aventurar que será curto nun partido (en nunha sociedade) en modo de control de danos. O Partido Republicano atopábase desde hai catro anos nunha encrucillada imposible: colaborador necesario e cativo ao mesmo tempo. A parte máis oficialista, a encabezada polo seu líder no Senado, Mitch McConell, comezou a rachar amarras a mesma noite electoral pero confiaba no imposible. A súa muller, Elaine Chao, presentaba o xoves a súa dimisión como secretaria (ministra) de Transportes. Seguiulle Betsi DeVos, secretaria de Educación.  

Arestora, é probable que a carreira política de Trump estea morta. É posible que Trump sexa simplemente un dead man walking á espera de que se esgoten os 13 días que quedan até a toma de posesión de Biden e máis aló dos cantos que chaman á súa destitución acelerada vía 25ª Emenda constitucional. É probable, incluso, que o acontecido vaia supoñer un impulso inesperado á presidencia de Biden que coa maioría en ambas cámaras, afronta alo menos dous anos bastante cómodos. É cedo para dicilo. No entanto, o trumpismo, o movemento, a súa tóxica narrativa e a súa violenta retórica chegou para quedarse e moito me temo que estará entre nós durante moito tempo aínda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta