O debate das indemnizacións por despedimento... un dereito ou un privilexio dos traballadores?

A reforma laboral de 2012 establecía novos parámetros e contías nas indemnizacións aos e ás traballadoras despedidas. A intención era “flexibilizar” o mercado laboral. O empresariado segue considerando excesiva a actual indemnización en España, mentres que os sindicatos ven a rebaixa nas contías como un xeito de cortar dereitos en paralelo á precariedade do mercado laboral.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A indemnización por despedimento supón un cabalo de batalla tanto para empresarios como traballadores. Compensar á persoa despedida cunha cantidade en relación aos anos traballados na empresa non é un sistema moi estendido. Dentro da UE, nove dos 27 países que a conforman si recoñecen, cada un dunha maneira distinta, o dereito á indemnización segundo os parámetros do Convenio OIT (Organización Internacional do Traballo) n.º 158 de 1982.

Mariano Rajoy, baixo cuxa presidencia se realzou a reforma laboral de 2012. Despedimento, indemnización, emprego
Mariano Rajoy, baixo cuxa presidencia se realzou a reforma laboral de 2012. Despedimento, indemnización, emprego

O convenio establece que, como regra xeral, o despedimento debe estar xustificado nunha causa relacionada coa capacidade do traballador, a súa conduta ou as necesidades da empresa. Tamén se establecen unha serie de motivos que en ningún caso poden xustificar a extinción do contrato como a discriminación, maternidade, represalias ou afiliación sindical entre outras.

ABARATAR CUSTES

A reforma laboral de 2012 permitía unha maior flexibilidade no momento de despedir traballadores. Entre as causas que podía aducir o empresariado sería a redución de custes ante a falta de ingresos suficientes. Ademais, reducíase a contía a pagar por ano traballado, pasando de 45 días por ano a 33 e de pagala en 42 mensualidades a 24.

As cifras das indemnizacións en España, por tanto en Galicia, son “maiores que a media da UE onde hai países onde non existe indemnización” di Jorge Cebreiros da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP). “O noso modelo é gravoso para a empresa porque esta ten que liquidar integramente a indemnización nese exercicio fiscal”, por iso unha alternativa segundo o presidente dos empresarios pontevedreses sería ratear ese despedimento durante o tempo que o traballador está na empresa.

Sindicalistas de UGT e CC.OO manifestándose en contra da reforma laboral
Sindicalistas de UGT e CC.OO manifestándose en contra da reforma laboral | Fonte: CC.OO. despedimento, indemnización, emprego

Como exemplo deste rateamento do despedimento os empresarios poñen a “mochila austríaca”, sistema creado en Austria en 2003 e que supón engadir nunha conta a nome do traballador unha cantidade de diñeiro mensual en proporción ao posible despedimento. Se o traballador ou traballadora cambia de empresa pode ir con esas cantidades acumuladas ao novo posto laboral e sumar a nova cantidade rateada.

BLINDAR AS INDEMNIZACIÓNS

Desde os sindicatos teñen claro que este modelo da “mochila austriaca” non ten outro obxectivo que facer máis barato o despedimento. A razón é que se as empresas comezan a pagar cantidades rateadas aos traballadores aumentarían os seus gastos, e a alternativa para evitar isto é a temporalidade e precariedade laboral. “Non é o momento de falar sobre este tema” responde José Antonio García de UGT Galicia. “Hai que derrogar a reforma laboral feita de maneira unilateral polo goberno do PP, a partir de aí poderemos falar de modelos de pensión”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, entende que “se está pervertindo a idea detrás do modelo de mochila, porque esa proposta vén dun país que laboralmente non ten comparación co modelo español”. A CIG entende que esta idea “importada” non serve “porque de aplicarse, facilitaría aínda máis os despedimentos” nun momento económico e social en que “aínda non estamos nos niveis de emprego de 2008”.

A postura da patronal tamén se asenta sobre a escasa flexibilidade do mercado laboral que, segundo apuntan, tería que ser revisada para ser máis “eficiente”. “O que queren os empresarios é un mercado laboral á carta” di Maica Bouza de CCOO, que describe o actual mercado laboral como “triplemente flexible” co modelo de contratación, co despedimento e as condicións laborais.

A indemnización existe porque hai unha vulneración do dereito do traballador que está desprotexido fronte o empresario” di o secretario xeral da CUT, Ricardo Castro. A análise que fai Castro é que as indemnizacións foron reducíndose porque “os períodos de traballo nas empresas son moi curtos, a vida laboral de persoas de 30 ou 40 anos é moi cambiante”. Isto leva implícito, segundo a CUT, unha rebaixa substanciosa en beneficio do empresariado.

Facer máis barato o despedimento, ou eliminalo, sería para a patronal unha maneira de non “gravar” máis ás empresas. Pola súa parte, os sindicatos consideran necesaria o aumento e a blindaxe das indemnizacións xuntamente coa previa derogación da reforma laboral de 2012. En tal caso, este punto de desencontro entre patronal e sindicatos non parece ser doado de abordar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O dos Sindicatos parécese cada día máis a unha SECTA ! Resolver os problemas dos traballadores pouco ou nada, o único levar todo a Maxistratura de Traballo e ir cobrando miserias aplazadas... (?) Pero temos en Europa unha Iniciativa Lexislativa sobre Renda Básica Universal e Incondicional da que ningún Sindicato quere escoitar falar ? Por que ? Os propios traballadores en paro non secundan en absoluto esta iniciativa da RBU (é coma se quixeramos seguir cobrando miserias mentras os demáis -os mozos e mozas- nin siquera teñen acceso ao mercado laboral (?) Hai un egoismo moi escuro en todo esto !!!