As consecuencias psicolóxias da pandemia: "A maior preocupación é a económica"

Carmen Patiño é psicóloga de emerxencias. Nesta entrevista aborda os temas da soidade e da incerteza para darlle unha resposta aos momentos de maior frustración en tempos da COVID. O que recomenda é non abandonar son as rutinas para non perder a esperanza, interactuar na medida do posible coa familia e non deixarnos levar pola desesperación.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 29/01/2021 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

-Aínda que non estamos en confinamento obrigatorio como en marzo do ano pasado, as autoridades recomendan o autoconfinamento. As persoas somos capaces de asumir que podemos illarnos da sociedade por unha cuestión como a COVID?
As persoas temos unha enorme capacidade de adaptación aos cambios, pois mesmo nunha situación tan anormal como esta da pandemia, considerase que  só un 15 ou 20% da xente máis vulnerable sufre problemas psicolóxicos derivados da ameaza que supón o coronavirus.
Polo tanto, máis que estar preparadas eu diría que temos unha enorme capacidade de adaptación aos cambios que se produzan e, se ademais temos en conta que estamos a xogar con vidas humanas, con máis razón temos que adaptarnos á nova realidade e polo tanto autoconfinarnos se así o precisamos para poñer fin a esta situación.  Isto no ten por que supoñer illarnos da sociedade. A día de hoxe boa parte da nosa vida faise a través das Redes Sociais e da Internet; vémolo claramente na xuventude e tamén nos adultos que estamos a facer teletraballo. Evidentemente pérdese parte da interacción social que ten o cara a cara, alén diso é ben certo que este auto confinamento que se nos está a pedir e moi diferente ao de marzo, e tan só resta parte desa interacción con coñecidos ou persoas alleas aos nosos núcleos familiares. Iso, ou senón esíxenos interaccións mais pequenas en canto o número de persoas coas que relacionarnos.

Traballadores do servizo de prevención de indencios da Xunta realizan tarefas de desinfección en centros de saúde e residencias de concellos de menos de 5.000 habitantes. XUNTA
Traballadores do servizo de prevención de indencios da Xunta realizan tarefas de desinfección en centros de saúde e residencias de concellos de menos de 5.000 habitantes. XUNTA

-Cal sería unha sintomatoloxía típica de alguén que está moitas horas dentro da súa casa sen interacción social?
Ao comezo desta pandemia hai case un ano, e segundo ían transcorrido as semanas, podíase vivir certa sensación de irrealidade, como se estivesemos inmersos nunha película de ciencia ficción. Tamén se podía percibir certa apatía, cansazo, aburrimento, sensación de estancamento emocional. Son sensacións habituais que poden agravarse a medida que o confinamento se alonga no tempo. As persoas que sufriron a corentena son significativamente máis propensas a presentar esgotamento, frustración, ansiedade, irritabilidade, insomnio, pouca concentración e indecisión, tamén deterioro no desenvolvemento laboral. Aínda así destacaría o baixo estado de ánimo e a irritabilidade.  De aí que desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia elaborásemos unha serie de protocolos e recomendacións a seguir por parte da cidadanía, para o afrontamento da sintomatoloxía que puidera aparecer durante o confinamento.

As persoas temos unha enorme capacidade de adaptación aos cambios

Xunto á pandemia temos en paralelo unha crise económica coas súas consecuencias. Como afecta esta dobre presión a unha persoa?
Unha das principais preocupacións da poboación agora mesmo son as repercusións económicas derivadas deste confinamento de case un ano. Existen preocupacións como a perda de empregos e a incapacidade de facer fronte a gastos como a hipoteca, o aluguer ou as facturas. Tamén incluiría os sanitarios, pois o colapso da sanidade pública obrigou a moitas familias a buscar solución no ámbito sanitario privado. Algúns estudos apuntan que a perda financeira como resultado da corentena creou unha grave angustia socioeconómica. Esta angustia destaca como un factor de risco para desenvolver síntomas de trastornos mentais e de ansiedade. As reaccións máis habituais son o medo ante a nova situación, a ansiedade e a inseguridade sobre o futuro e o temor ante un mercado laboral competitivo e incerto. Un segundo impacto dáse a nivel profesional relacionado co desenvolvemento da carreira profesional. Aquí temos reaccións como a frustración, a falta de motivación ou a  sensación de fracaso. E por último estaría a dimensión social, relacionada co valor do traballo no noso entorno, con manifestacións como a vergoña, a inseguridade, o illamento social ou o deterioro das relaciones persoais e familiares.

Ao comezo desta pandemia hai case un ano, podíase vivir certa sensación de irrealidade

Tinturaría pechada por indicacións sanitarias, aínda que teñen permiso para abrir. Confinamento pola crise do coronavirus Covid-19 en Galicia.. EUROPA PRESS - Arquivo
Tinturaría pechada por indicacións sanitarias, aínda que teñen permiso para abrir. Confinamento pola crise do coronavirus Covid-19 en Galicia.. EUROPA PRESS - Arquivo

Vivir o confinamento en familia ou afrontalo só é diferente, pero afecta máis a un sector que a outro?
Vai depender da nosa persoalidade o que determine se o confinamento será mais levadeiro só ou soa ou en compañía. Todo vai a depender de como leves ter máis ou menos liberdade e de como toleres o medo. Cada unidade familiar e cada persoa é un mundo. Houbo casos de persoas para as que o confinamento foi un punto de inflexión no coñecemento e descubrimento das dinámicas familiares. Ben por cuestións de traballo ou por longas horas ou días de ausencia aa súa casa, impedíanlles compartir e coñecer incluso os pequenos detalles do día a día cos fillos e fillas e mesmo cos seus maiores ou coa súa parella. Pola contra, para outras persoas isto supuxo unha autentica crise nas dinámicas familiares, que o día a día solapaba polo estrés e as rutinas diarias. Digamos que cada situación sempre vai ter os seus pros e os seus contras.

Dándolle a volta á moeda, ante unha sensación de soidade total, como pode combatela unha persoa que viva soa?
Sempre o grupo máis vulnerable foi o das persoas maiores, e máis en Galicia onde a dispersión xeográfica é enorme. Incrementáronse os sentimentos de soidade e tristeza e apareceron síntomas de ansiedade ou estados depresivos. Por isto é preciso identificar a orixe desas emocións negativas e combatelas de xeito individual. É moi importante nesta situación de confinamento manter rutinas diarias como a alimentación, o aseo ou o ocio. Por outra banda tamén é preciso traballar con esas persoas o recordo doutras situacións complicadas e xa vividas que tiveran que afrontar en soidade ou non, e das que saíu reforzado ou reforzada, para que tire de novo das estratexias que ten á súa disposición e que tamén lle axudarán nestes momentos tan duros.

Houbo casos de persoas para as que o confinamento foi un punto de inflexión no coñecemento e descubrimento das dinámicas familiares

Que pautas pode seguir unha familia para que non lle afecte o illamento?
Como xa expliquei manter as rutinas diarias é básico para ter a mente ocupada e ter baixo control os pensamentos negativos e derrotistas. Así podemos mellorar a estruturación tanto externa como interna. Manter unha alimentación sá e uns horarios de sono-vixilia como se estiveramos na vella normalidade. Tamén respectar os espazos e os tempos de cada un dos membros da familia. Manter unha boa comunicación e dialogar as posibles discrepancias ou diferenzas que xurdan na convivencia. Organizar o traballo e tarefas do fogar e facendo rotacións que se consideren axeitadas de acordo co que cada membro prefira. Poder gozar de tempo de lecer individual sen interferencias doutras persoas. Apoiar a quen teña obrigas laborais e profesionais fóra do fogar pero tamén a quen nestes momentos estea a facer tele traballo, respectando o seu espazo e o tempo de atención a estas obrigas laborais.

Ante a posibilidade de perder o traballo ou de perdelo durante o autoconfinamento, que pode facer unha persoa?
A perda do traballo afecta de xeito directo á autoestima. Isto fainos pasar por una serie de pensamentos complicados de manexar aínda que sexan lóxicos nestas circunstancias. Unha das cousas que poden ocorrer é a sensación de perda da nosa identidade, pois un perde o control das respostas cando queremos describirnos e explicar quen somos, pois parte desa identidade social vai ligada á nosa vida profesional. Tamén aparece a rabia, cando a nosa autoestima se ve atacada. Diriximos esa rabia a quen nos despediu, a algún compañeiro ou compañeira de traballo e tamén contra nós mesmos. A culpa é outra das emocións que pode aparecer, dirixíndoa a outra persoa ou a nós mesmos, ben por non tomar decisións acertadas nun pasado ou por exceso de confianza na empresa ou nas persoas que nos contrataron. O medo é outra das emocións que aparecen con moitísima frecuencia, e que nos afecta a nivel mental e físico. E outra das sensacións que poden aparecer é a exclusión da sociedade ou do grupo social onde nos movíamos e co que tiñamos un sentimento de pertenza. Isto pode levar a non desenvolver novos obxectivos profesionais nin persoais. Tamén pode aparecer a depresión e, nalgún caso, o alivio cando o despedimento é unha posibilidade de facer algo diferente despois de saír da presión que supoñía ese posto de traballo.

Manter as rutinas diarias é básico para ter a mente ocupada e ter baixo control os pensamentos negativos e derrotistas

Cre que aumentarán casos de suicidios ou aumento de estadios agudos de enfermidades mentais?
O suicidio é un acto voluntario pero dentro da desesperación, cando unha persoa entende que o único alivio do seu sufrimento é a morte. Hai que recordar que este tipo de morte é multifactorial. A situación anómala da pandemia é un factor máis para aumentar a incidencia de mortes por suicidio. O motivo é o aumento da incerteza e tamén a posibilidade de padecer algún trastorno mental como é a depresión. É moi importante recalcar a necesidade dun Plan Galego de Prevención de Suicidio e de Saúde Mental que alivie esta situación e polo tanto incidir máis na prevención xa desde a infancia.

Hai algo que se poida sacar en positivo da actual situación?
Despois de case un ano de pandemia puidéronse detectar unha serie de aspectos positivos. Unha das primeiras foi a baixada significativa dalgunhas enfermidades, como o caso da gripe e das neumonías, resultado dunha maior protección e desinfección e uso de máscaras. En xeral, os efectos positivos na saúde provocados polo cambio de hábitos de hixiene e pola aceptación das mensaxes de saúde pública, ademais dun incremento da valoración xeral da nosa Sanidade Pública. Tamén se produciron menos accidentes de tráfico, consecuencia da diminución da mobilidade e a diminución dos roubos e a criminalidade. Tamén é destacable o cambio no noso estilo de vida, mantendo rutinas mais sás de alimentación, de autocoidados en xeral e axudando todo isto á diminución do niveis de contaminación. En xeral, o confinamento axudou a redución de custes e aforro para empresas que facilitaron o teletraballo. E todo isto xerou un aumento da calidade nas relacións familiares e paternofiliais

Carmen Patiño, psicóloga de emerxencias
Carmen Patiño, psicóloga de emerxencias | Fonte: CRTVG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta