A Fegamp en alerta ante a posibilidade de que as autorizacións urbanísticas "queden en mans privadas"

A futura lei de reactivación podería substituír o informe técnico municipal por certificados de empresas, din desde a Federación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2021 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) rexeita que na futura lei de reactivación as autorizacións urbanísticas "queden en mans de empresas privadas con posibles intereses no negocio", un punto que tacha de "inadmisible".

O vicepresidente económico, Francisco Conde, reuniuse este mércores co presidente da Fegamp, Alberto Varela, para abordar a nova lei de reactivación --en tramitación no Parlamento--. Tras o encontro, a Fegamp emitiu un comunicado no que censura que o borrador da futura lei "contempla substituír o informe técnico municipal preceptivo por certificados de empresas".

Así, este órgano de representación dos concellos galegos mostra as súas "reticencias" cara ao texto, mentres reclama que se tramite a proposta da Xunta e non do PPdeG para "ter marxe nas alegacións".

"Ademais de que as empresas certificadoras poidan ser parte interesada en dito sector de negocio, os concellos consideran que ese procedemento xerará maior número de expedientes de reposición da legalidade urbanística e unha maior inseguridade xurídica en prexuízo dos propios emprendedores empresariais", avisa.

De tal modo, Alberto Varela trasladoulle a Conde que os municipios "son conscientes da necesidade de buscar fórmulas para facilitar a actividade empresarial, pero a proposta actual obvia a realidade municipal e pode derivar en conflito e nunha maior inseguridade xurídica".

POSTURA DA XUNTA

Pola súa banda, Conde apelou á colaboración entre administracións e axentes sociais para impulsar o tecido produtivo galego. O Goberno galego subliña que a nova normativa permitirá unha resposta áxil a través da simplificación administrativa para facilitar a actividade económica. Neste sentido, pon en valor a figura dos Concellos Emprendedores, á que se adheriron 136 municipios para estimular a actividade empresarial.

No ámbito de simplificación administrativa, establécese un prazo xeral de tres meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica, aplicarase o silencio administrativo positivo, á vez que se ampliará os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industriais estratéxicos. Entre outras medidas, fíxase tamén un réxime de licenzas exprés, que reducen tempos a un mes con carácter xeral e a 15 días en casos específicos.

Reunión do vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, co presidente da Fegamp, Alberto Varela. CONCHI PAZ
Reunión do vicepresidente económico da Xunta, Francisco Conde, co presidente da Fegamp, Alberto Varela. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

PACTO DE VIVENDA DE GALICIA

O 'Pacto de Vivenda de Galicia 2021-2025' ratifica a aposta da Xunta pola vivenda de promoción pública e introduce a figura da vivenda pública concertada, é dicir, cualificada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) como de promoción pública, pero construída por promotores privados ou outros promotores públicos sobre chan público.

En todo caso estas vivendas públicas concertadas, segundo recolle o plan ratificado este mércores nun acto no que participou o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e ao que tivo acceso Europa Press, estarán sometidas ao mesmo réxime xurídico que as promovidas directamente polo IGVS.

O documento tamén subliña que, de feito, esta modalidade --a da vivenda pública concertada-- será "a forma prioritaria de actuación" nas localidades medianas e pequenas da Comunidade, onde o rexistro de demandantes acredite que hai demanda.

A intención desta figura, remarca a Xunta, é fixar unha liña de colaboración público-privada con outros promotores para que constrúan as vivendas con recursos propios e que o IGVS as cualifique como de promoción pública, conforme ao procedemento establecido, outorgando as axudas a quen a compra e facilitándolle tamén o acceso ao financiamento. No seu conxunto, o Executivo autonómico quere impulsar o acceso á vivenda de promoción pública mediante o aluguer e tamén facilitar a compra a familias con rendas máis baixas.

Así, manteranse os convenios de colaboración asinados polo IGVS con entidades financeiras cuxo obxectivo é o de facilitar a compra por parte de quen adquiran unha vivenda de promoción pública promovida directamente por este organismo ou por un promotor privado por medio da figura das vivendas concertadas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta