Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/01/2021 | Actualizada ás 13:58
O envellecemento da poboación é o principal reto ao que se enfronta a UE nos vindeiros anos. De feito, estudios da CE apuntan que en dez anos deixarán de estar habitadas zonas que, conxuntamente, sumaría todo o tamaño de Italia. E neste emerxencia poboacional, España atópase entre os estados europeos con peores perspectivas. Os informes apuntan que podería perder máis da metade da súa poboación no 2100 e que, xa, actualmente, tres cuartas partes dos municipios españois están en declive.
Segundo recolle o xornal The Guardian, a situación é "dramática" en Galicia e Castela e León, "as zonas máis afectadas", con concellos que van baleirandose de habitantes de xeito moi rápido. De feito, son xa máis de 3.000 os pobos pantasma.
Mark Adkinson, un expatriado británico que dirixe a axencia inmobiliaria Galician Country Homes, suliñou en declaracións ao The Observer que tiña "máis de 1.000" pobos abandonados na súa axenda e destacou que un membro da súa empresa estaba continuamente na estrada, deixando cartas en propiedades abandonadas coa esperanza de localizar aos seus propietarios e devolver eses pobos ao mercado.
"Levo aquí durante 43 anos", indicou. "As cousas cambiaron considerablemente. Os mozos marchan das aldeas e os pais están a envellecer e buscan xa pisos preto de zonas urbanas onde hai hospitais. Non queren quedar atrapados nos outeiros cando xa non poidan conducir", apuntou a The Guardian.
Como en Xapón, a natureza xa se está facendo dona de grandes superficies antes cultivadas. Segundo José Benayas, profesor de ecoloxía na Universidade de Alcalá de Madrid, a superficie dos bosques de España triplicouse desde 1900, pasando do 8% a cubrir o 25% do territorio a medida que a terra vai sen labrar. A caída da poboación continuaría provocando o abandono da terra, dixo, "porque haberá menos humanos para alimentar".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.