A debate as contas que Feijóo presentou para loitar contra a covid

A oposición presentou máis de mil enmendas a uns orzamentos que superan os 11.500 millóns de euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/01/2021 | Actualizada ás 10:50

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou os orzamentos da Xunta para 2021, que ascenden a 11.563 millóns de euros (e outros 101 no capítulo de instrumentos financeiros), tras rexeitar o PP máis dun milleiro de emendas da oposición que se mantiveron pendentes para este último debate en pleno.

BNG e PSOE votaron en contra destas contas --que saíron adiante co apoio dos populares-- ao advertir de que "non están á altura" do "desafío" que afronta a comunidade, ao ter que combater a pandemia da covid-19 e os efectos que está a deixar na economía galega. Pola súa banda, o grupo maioritario reivindicou o orzamento por "coherente, realista e lonxe da improvisación" que atribúe ao confeccionado polo Goberno central.

CRÍTICAS Á XESTIÓN DA PANDEMIA

Precisamente a xestión da pandemia marcou a sesión, no debate dos estados de gasto coa participación dos líderes de Bloque e PSdeG, Ana Pontón e Gonzalo Caballero, respectivamente. Ambos reclamaron axudas para paliar as novas medidas restritivas anunciadas este luns polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo. Na súa quenda, Pontón reclamou "un plan de futuro" e non "seguir no trantrán de sempre de políticas fracasadas", ante a sensación de "un Goberno da Xunta que vai por detrás do virus".

Respecto diso dos orzamentos, asegurou que "están obsoletos antes de ser aprobados", polo que apelou ao Partido Popular, para, se fose necesario, "atrasar unha hora, dúas horas a votación", co obxectivo de acordar cambios. "Fagámolo, abandonen o absolutismo inútil", subliñou, pedindo "diálogo".

Na súa intervención, Gonzalo Caballero censurou tamén que os populares "adoecen de proxecto de país" ante unha "crise de enorme envergadura". Así, fronte á "man tendida" do PSOE, considerou que os populares "desprezan o acordo e o diálogo", pero a situación actual require "mellorar a sanidade e para iso fan falta compromiso e fondos". "Non podemos desaproveitar esta oportunidade histórica", recalcou. Ademais de "pór cadeados", Caballero demandou "fondos para que a xente poida vivir e sobrevivir", e advertiu de que "estes orzamentos non contan con esa formulación".

"UNHA PANCA MÁIS"

Mentres, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, subliñou que "non houbo vetos a ningunha emenda" nin "atallos" na tramitación destas contas. Así mesmo, afirmou que "se fixeron sabendo que ía haber máis brotes" e que servirán "como unha panca máis" para saír da crise. Pola súa banda, defendeu que estas contas "obedecen ao consenso internacional, construído coas achegas de quen sabe máis como xestionar a economía".

Nun primeiro debate, sobre o articulado do texto, a deputada do BNG Noa Presas incidiu en que "non están á altura das circunstancias" e ve que "o único que teñen de excepcionais son unhas previsións de ingresos" maiores, posto que, "no que ten que ver coas decisións políticas, son máis do mesmo".

A socialista Begoña Rodríguez dixo que un orzamento que crece case as 14% "grazas fundamentalmente aos fondos do estado e da UE debería estar á altura para facer fronte á situación máis dura desde a Guerra Civil". "Pero non dan resposta á crise sanitaria, económica e social que padecemos", confrontou, antes de tachar os orzamentos de "ineficaces", tanto no ámbito de reforzo da sanidade, como da educación e políticas sociais.

Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO
Pleno do Parlamento galego. PARLAMENTO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta