Por Galicia Confidencial | Compostela | 28/01/2021 | Actualizada ás 19:13
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, semella non estar disposto a aumentar o orzamento da Xunta destinado ao sector da hostelaría ao 1% do seu orzamento total, tal e como lle piden e se comprometen a facelo grandes concellos e deputacións. "O de chegar a ese tope é competencia deles", dixo ao lembra que a proposta que trouxo o Clúster do Turismo era o "modelo valenciano" de repartir os fondos en base a un 50% de aportación da Xunta, un 30% as deputacións e un 20% os concellos.
O plan de axudas para mitigar os efectos da crise da covid-19 na hostalaría incorporará 75 millóns de euros da Xunta (o 0,65% das súas contas para este ano) e ao redor doutros 5,5 millóns das deputacións (o 1% dos seus orzamentos), á espera de pechar a participación dos concellos neste fondo común --os grandes xa trasladaron a súa vontade de pór un 1% dos seus recursos, ao redor de 9,3 millóns en total--.
Na xuntanza mantida este mércores non se chegou a un acordo polas diverxencias que manteñen concellos e deputacións coa Xunta á que lle piden que suba o seu orzamento ao 1%. Sobre isto, Feijóo dixo que o sector o que quere é "cobrar" canto antes. Precisamente, outro dos puntos da negociación é o sistema de pago ao sector e é por aí por onde critica o presidente galego a concellos e deputacións que se resisten a que os pagos sexan centralizados pola Xunta. "Non enredemos. Nós o que queremos é pagar e eles queren cobrar e como coincidimos os dous sectores o máis lóxico é que lles paguemos", resumiu.
O presidente da Xunta destacou que hai deputacións e concellos que aínda non pagaron nada e outros, en alusión á Deputación da Coruña e de Ourense, "que si o fixeron". "Os que estamos pagando somos nós que xa destinamos 83 millóns e pagamos 63", apuntou. "E 19.000 hostaleiros xa teñen 37 millóns pagados", insistiu.
CRÍTICAS DE ABEL CABALLERO
Sobre esta cuestión, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, pediu este xoves aos hostaleiros da cidade "que desautoricen inmediatamente" a Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia porque, segundo o rexedor, nas negociacións para pactar un plan de axudas ao sector, "dixo que prefería 75 millóns no canto de 150".
Así o manifestou o rexedor olívico nunha rolda de prensa, na que recalcou que o plan de axudas para a hostalaría debe estar dotado con polo menos 150 millóns de euros, e afeou á Xunta que só comprometa 75 millóns. Respecto diso, trasladou a súa "aposta" de que a achega de cada administración sexa o 1 por cento do seu orzamento (o que sumaría ao redor dos 140 millóns) e que "só para Vigo" haxa 25 millóns de euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.