SOS Sanidade Pública considera que a Lei de Saúde de Galicia supón un "recorte de dereitos e liberdades"

A plataforma traslada o seu rexeitamento á reforma.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/02/2021 | Actualizada ás 19:44

Comparte esta noticia

A Plataforma SOS Sanidade Pública trasladou o seu rexeitamento á reforma da Lei de Saúde de Galicia, cuxa aprobación definitiva se debaterá na Cámara galega a próxima semana, por considerar que é "innecesaria" e que "recorta dereitos e liberdades".

Manifestante cun cartel que di 'Verín non se pecha!' na concentración en defensa da sanidade pública galega convocada por SOS Sanidade Pública, en Santiago de Compostela (Galicia) a 9 de febreiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo
Manifestante cun cartel que di 'Verín non se pecha!' na concentración en defensa da sanidade pública galega convocada por SOS Sanidade Pública, en Santiago de Compostela (Galicia) a 9 de febreiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press - Arquivo

A organización censura que a reforma fose presentada en forma de proposición de lei do Grupo Parlamentario Popular no canto de polo Goberno para "evitar o informe preceptivo dos servizos xurídicos" do Parlamento sobre a legalidade das propostas.

Así mesmo, considera que se trata dunha medida de mercadotecnia política ao utilizar a alarma social pola pandemia e que recorta dereitos e liberdades que noutras circunstancias non serían aceptados pola maioría da poboación, o que "supón un perigoso precedente para outras situacións".

Ademais de asegurar que a actual lexislación xa contén instrumentos legais para afrontar a pandemia, denuncia que a reforma impón, baixo a ameaza de grandes sancións, a obriga de realizar probas, vacinacións e tratamentos (nalgúns casos obxecto de debate pola comunidade científica) "invadindo a liberdade de decisión das persoas sobre a súa saúde e vulnerando a Lei de Consentimento Informado".

Tamén critica que outorgue un "enorme poder" ao comité clínico "integrado maioritariamente por cargos institucionais designados pola Xunta" e que "avance cara a unha especie de Estado policial ao multiplicar o número de autoridades sanitarias con capacidade de intervir en temas sensibles para as liberdades e o dereito a saúde".

"Pretende controlar a vida e actividade das persoas, co pretexto de protexer a súa saúde utilizando as novas tecnoloxías informáticas", denuncia a plataforma, que critica tamén que o réxime de sancións que establece contías ás que non poderán facer fronte boa parte da poboación.

Por último, ademais de censurar que non contemple medidas para intervir sobre a situación das residencias, a plataforma fai un chamamento ás forzas políticas, sindicais e sociais a "facer fronte" ao que considera un intento da Xunta de "recortar dereitos e liberdades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Financiar ao Sergas vía multas é unha tentación para calquera Goberno Autoritario ! Se recortan dereitos e liberdades, que se reúnan coas forzas políticas, sindicais e sociais e artellen un bo equipo de avogados dispostos a interpoñer recursos ata o Tribunal Supremo ! Vai ser o único xeito de parar os abusos !