Psicólogos clínicos cargan contra o Sergas por excluílos do deseño do plan psicosocial

Critican que se anuncie a posta en marcha da iniciativa sen trasladala ao colectivo que a encabezará.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/02/2021 | Actualizada ás 14:48

Comparte esta noticia

A Asociación de Psicólogos Clínicos do Sergas criticou que a Consellería de Sanidade excluíse aos profesionais desta especialidade do deseño e a implementación do plan de intervención psicosocial anunciado para traballadores do servizo de saúde ante a pandemia.

O impacto do covid-19 na psicoloxía.
O impacto do covid-19 na psicoloxía.

A entidade lembrou que o plan contempla a realización dun programa de acompañamento psicolóxico que levará a cabo polo menos un psicólogo clínico, con apoio dun psiquiatra e os servizos de prevención de riscos laborais, en cada área sanitaria. No entanto, criticou que se anuncie a posta en marcha da iniciativa sen trasladala ao colectivo que a encabezará.

Ademais, puxo en valor a atención prestada nos últimos meses polos psicólogos clínicos aos demais profesionais sanitarios do Sergas, "na maioría das ocasións de maneira voluntariosa e desinteresada e con escasas directrices por parte das xefaturas de servizo".

Por iso, a asociación considerou que estes psicólogos deben ser "esenciais" para a planificación, o desenvolvemento e a implementación do programa de atención e apoio psicolóxico. Tamén reprobou a "exclusión" dos psicólogos clínicos da toma de decisións do seu ámbito de actuación no plan.

Aínda que valorou que se desenvolvan iniciativas para dar asistencia ou paliar o "dano emocional" nos profesionais sanitarios "tensos" e "esgotados", incidiu na necesidade de detectar os factores estruturais, que "causan ou manteñen o problema", para o que se debe actuar de modo "preventivo" e evitar que a "xestión persoal e laboral da tensión recaia maioritariamente sobre os traballadores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta