Once millóns de euros recadados para a Igrexa en Galicia co 0,7% do IRPF en 2020

O diñeiro recadado supón un 9% máis que o exercicio fiscal anterior.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2021 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

A Igrexa católica recadou 11.064.560 euros a través do 0,7% do IRPF en Galicia na campaña da Declaración da Renda de 2020, correspondente á actividade económica desenvolvida en 2019.

Esta cifra supón preto de 900.000 euros máis que no anterior exercicio, case un 9% de incremento, segundo os datos presentados este martes pola Conferencia Episcopal Española.

O número de declaracións a favor da Igrexa na comunidade galega foi de 328.511 en 2020, o que supón un descenso de 275 (-0,20%) respecto ao anterior ano.

Con todo, Galicia é a segunda comunidade na que menos contribuíntes marca a casa da X da Igrexa. Así o fai o 24,7%, uns sete puntos por baixo da media española (32,15%). Só Cataluña está por baixo (o 16,9%), no outro extremo sitúase Castela-A Mancha (45,18%).

DATOS ESTATAIS

O número de declaracións a favor da Igrexa foi de 7.297.646 en España. Se se teñen en conta as declaracións conxuntas, máis de 8,5 millóns de contribuíntes elixiron destinar á Igrexa o 0,7% dos seus impostos. Isto supón que a porcentaxe de contribuíntes que macan a X da Igrexa na súa Declaración da Renda é do 32,15%.

Nesta ocasión, segundo precisa a CEE, a campaña da renda tivo lugar coincidindo "cos meses máis duros da primeira onda da pandemia e co esforzo da Igrexa por multiplicar a súa presenza e a súa atención aos colectivos máis prexudicados".

"O aumento da cantidade que os españois destinan dos seus impostos a favor da Igrexa católica nos últimos cinco anos débese á evolución da situación económica en España ata ese momento de decembro de 2019. As cifras non fan visible aínda as consecuencias económicas da situación de pandemia que se vive en España desde o primeiro trimestre de 2020", precisa a CEE nun comunicado.

Neste sentido, consideran que as 106.259 novas declaracións nas que se marcou a X da Igrexa, "pon de manifesto o apoio social e persoal ao labor desenvolvido pola Igrexa neste tempo, e multiplican por catro o aumento de X na Declaración da renda do exercicio anterior".

Ademais, dos datos despréndese que a cantidade recadada a favor da Igrexa crece en todas as comunidades autónomas, e en 13 delas, ademais, constátase tamén unha subida do número de contribuíntes que marcan a X. O número de declaracións aumenta sobre todo, en: Andalucía, Madrid, Castela a Mancha e Comunidade Valenciana. Pola contra, País Vasco rexistra o maior descenso.

Arquivo - A Conferencia Episcopal presenta os datos do recadado a través da X da Igrexa. EUROPA PRESS - Arquivo
Arquivo - A Conferencia Episcopal presenta os datos do recadado a través da X da Igrexa. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta