Por Galicia Confidencial | Ourense | 22/03/2021 | Actualizada ás 22:15
O presidente da Deputación de Ourense e da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA), Manuel Baltar, soltouse este luns en inglés. Nun discurso neste idioma destacou este luns, no que se conmemora o Día Mundial da auga, "a necesidade de que Europa intensifique o seu compromiso cos territorios termais".
Isto é necesario, explicou, "para que o binomio que caracteriza á auga, vida e saúde, siga tendo no vello continente un referente de impulso e defensa deste ben, tanto desde o punto de vista da saúde como do medio ambiente, da economía e do turismo".
Nunha mensaxe difundida en inglés ao resto dos territorios termais de Europa, en calidade de máximo responsable desta rede termal, Baltar destacou o carácter bimilenario de Ourense como territorio termal e puxo de relevo o tema escollido este ano por Nacións Unidas para este Día Mundial: 'Valorar a auga'.
"As nosas cidades existen porque a xente no pasado valoraba a auga o suficiente como para construír fermosas estruturas ao redor de fontes termais e compartir esa auga curadora, a auga termal, que é un torrente de historia do pasado ao futuro", apunta.
A campaña deste ano das Nacións Unidas, #Water2me, profunda no pasado dos territorios termais e expón "como son agora e como nos gustaría que fosen no futuro", sinala Baltar, quen expresa a importancia de conseguir canto antes a normalidade tras a pandemia. "E que as nosas augas termais contribúan a que a xente poida atopar espazos nos nosos pobos, vilas e cidades para fortalecerse, reencontrándose cos nosos mananciais, que foron fonte de benestar durante séculos e unha verdadeira forza da natureza", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.