Avilés e A Coruña implícanse no futuro de Alu Ibérica

Piden unha xuntanza entre Xunta, Principado, ministerio e traballadores. Denuncian que a raíz do problema está na "mala venda" que fixo Alcoa.

Por Europa Press / Redacción | OVIEDO | 30/03/2021 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Avilés, Mariví Monteserín, e a súa homóloga da Coruña, Inés Rey, van reclamar ao Principado, á Xunta e ao Ministerio de Industria a necesidade de pór en marcha unha mesa xeral coa participación destas administracións e dos traballadores para abordar un plan de futuro para as plantas de Alu Ibérica nas dúas cidades.

As dúas rexedoras comprometéronse este martes durante unha reunión en Avilés cos comités de empresa das dúas plantas a trasladar esa solicitude aos seus respectivos gobernos autonómicos e ao Executivo central.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, en declaracións aos medios despois da reunión, destacou a viabilidade da industria do aluminio e a obrigación de que as administracións garantan o seu futuro e os dereitos dos traballadores. Do mesmo xeito, insistiu no "compromiso firme" de trasladar ás diferentes administracións a necesidade do encontro e pór en marcha un plan industrial con investimentos que garanta os postos de traballo.

"Todo iso con independencia do camiño xudicial, non podemos esperar porque urxe darlle unha solución e é a nosa responsabilidade contribuír a solucionalo da man dos traballadores e as administracións con competencias directas", sinalou.

Pola súa banda, a alcaldesa de Avilés explicou "o camiño non é fácil" xa que a empresa está intervida pola Audiencia Nacional, pero que a pesar diso o Goberno de España debe de "acompañar" para que os proxectos industriais nestas plantas se consoliden.

Monteserín foi moi critica cos anteriores propietarios (Alcoa), aos que acusou de "non estar á altura" ao "non cumprir cos territorios nin cos traballadores". Nese sentido, sinalou que Alcoa realizou "unha mala venda" coa intención de pechar, polo que opina que esta é "manifestamente ilegal". "Puxo as plantas en mans dunhas persoas que son uns presuntos depredadores industriais, que viñeron a outra cousa", destacou.

Sobre se a situación da planta de San Cibrao en Lugo pode afectar á solución final para as de Alu Ibérica en Avilés e A Coruña, Monteserín lembrou que "San Cibrián ten o seu propio percorrido e a súa propia situación, esta en outro momento da axenda".

Doutra banda, os presidentes dos comités de empresa de Avilés e A Coruña, José Manuel Gómez da Uz e Juan Carlos López Corbacho, respectivamente, agradeceron ás dúas administracións locais a súa implicación e reclamaron unha resposta "política" á marxe da que poida vir da xustiza. Nese sentido, insistiron na necesidade dunha intervención das plantas que pase pola SEPI.

Mariví Monteserín e Inés Rei.. EUROPA PRESS.
Mariví Monteserín e Inés Rei.. EUROPA PRESS. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta