Leitugas a prezo cero en Santiago para denunciar os "abusos" contra os agricultores galegos

UU.AA. tenta sensibilizar á opinión pública sobre a "presión" que as grandes cadeas de supermercados exercen sobre o agro.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/04/2021 | Actualizada ás 12:47

Comparte esta noticia

Agricultores regalaron leitugas en Santiago para denunciar os baixos prezos que se pagan aos produtores, así como para censurar as ofertas reclamo que empregan diferentes supermercados. Este acto reivindicativo de Unións Agrarias tivo lugar desde as 11,00 horas deste mércores na Praza do Toural, onde instalaron unhas mesas coas hortalizas, á vez que regalaban as leitugas aos transeúntes e para explicarlles logo que se busca "promocionar a horta local".

En declaracións aos medios, o responsable de coordinación sectorial de UU.AA., Félix Porto, apuntou que se busca "sensibilizar" á gran distribución que usa como produto reclamo as leitugas. Subliña que producir unha leituga custa sobre 20 céntimos por unidade, pero está a pagarse "apenas 25 céntimos" aos produtores.

En concreto, acusa a Mercadona e Gadis destas prácticas, aínda que engade que, "a día de hoxe, comezaron a subir o prezo de venda pública". Tamén pide á distribución que haxa unha etiquetaxe que "diferencie claramente" aos produtos que se producen no país dos que veñen de países como Portugal, Bélxica e Marrocos, pois "non é a mesma calidade".

Porto indica que este sector aglutina ao redor dun milleiro de produtores en Galicia, pero non existen datos actualizados nin un observatorio para coñecer os custos de produción. De tal forma, demanda á Xunta que actúe para que se cumpra a lei de cadea alimentaria, pois "non se pode pagar a un produtor por baixo dos custos de produción".

Igualmente, búscase a "sensibilización" da opinión pública sobre a diferenza entre un produto fresco e un cultivado lonxe, que "non se corta no mesmo día, nin se produce cos mesmos niveis de calidade". Tamén lamenta que a "presión" da gran distribución provoca que sexa "difícil" atopar a produtores de horta que se atrevan a denunciar esta situación. Por iso, Unións Agrarias solicita unha reunión coa distribución para evitar que sigan as "prácticas abusivas".

Agricultores regalan leitugas na Praza do Toural, en Santiago
Agricultores regalan leitugas na Praza do Toural, en Santiago | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta