A presión segue descendendo nos hospitais pero os contaxios na rúa repuntan a 146

A taxa de positividade cae a un 1,8% e os casos activos soben lixeiramente a 2.193, coa área de Vigo á cabeza.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/04/2021 | Actualizada ás 11:15

Comparte esta noticia

Galicia mantén a tendencia descendente en canto á presión hospitalaria ao reducirse a 167 os pacientes Covid ingresados, o que supón seis menos que a xornada anterior, mentres que volveron repuntar os novos contaxios deste coronavirus a 146, que implican 14 máis. Pola súa banda, os casos activos ascenderon lixeiramente a 2.193 e a área de Vigo sitúase á cabeza, con 603.

Segundo os datos actualizados na mañá deste venres pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste xoves, baixan a 26 os pacientes Covid ingresados en UCI en Galicia --dúas menos-- e descenden a 141 os que se atopan noutras unidades --catro menos--. Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria redúcese en dúas das sete áreas --Ourense e Vigo--, mentres que se mantén nas da Coruña-Cee, Santiago-Barbanza, Pontevedra-O Salnés; Ferrol e Lugo.

En concreto, na área sanitaria de Ourense aínda que seguen dous pacientes en UCI, baixan a 14 os ingresados noutras unidades --catro menos--; mentres que na de Vigo seguen seis en críticos e redúcense a 28 os doutras unidades --dous menos--. Na da Coruña e Cee aínda que descenden a nove os pacientes Covid en UCI --dous menos--, soben a 52 os ingresados noutras unidades --dous máis--; mentres que a de Santiago e Barbanza se mantén sen cambios con catro en críticos e 14 noutras unidades. Así tamén sucede na área de Pontevedra e O Salnés que continúa con dúas persoas en UCI e 20 ingresados noutras unidades; na de Lugo, onde seguen tres en críticos e cinco noutras unidades; e na de Ferrol, que se mantén sen hospitalizados en UCI e con oito noutras unidades.

MÁIS CASOS ACTIVOS

En canto aos casos activos de Covid-19 en Galicia, tras o descenso da xornada anterior despois a tendencia ascendente mantida desde o inicio desta semana, volveron subir lixeiramente ata os 2.193, o que supón oito máis, ao haber máis contaxios que altas.

Por áreas sanitarias, os casos activos subiron nas de Santiago e Barbanza (+13); Ourense (+9), Pontevedra e O Salnés (+6), Lugo (+6) e Vigo (+3), mentres que descenderon nas da Coruña e Cee (-18) e Ferrol (-11). A área de Vigo, con 603, casos activos sitúase á cabeza, ao superar á da Coruña e Cee que ata a data rexistraba o maior número e na que caen a 598; seguida da de Santiago e Barbanza, con 331; Pontevedra e O Salnés, con 289; Ourense, con 149; Lugo, con 148; e Ferrol segue á cola, con 75.

MÁIS CONTAXIOS

Tamén os novos contaxios detectados con calquera tipo de proba repuntaron lixeiramente a 146, tras descender a 132 este xoves despois de térense incrementado a 181 o mércores desde os 139 do martes e 112 do luns. Dos positivos, 122 foron confirmados por PCR nas últimas 24 horas, deles 32 na área de Vigo; 28, na da Coruña e Cee; 22, na de Pontevedra e O Salnés; 21, na de Santiago e Barbanza; 10, na de Ourense; oito, na de Lugo; e un, na de Ferrol.

Por tanto, os contaxiados deste coronavirus ascenden en Galicia a 118.226, dos que 28.685 corresponden á área da Coruña e Cee; 22.524, á de Vigo; 18.692, á de Santiago e Barbanza; 14.938, á de Ourense; 12.974, á de Pontevedra e O Salnés; 12.128, á de Lugo; e 8.285, á de Ferrol.

Ata a data da última actualización de datos Galicia realizou 1.898.328 PCR, que supoñen 6.900 probas máis que o día anterior --un centenar menos que as feitas a xornada pasada--. En canto á taxa de positividade, tras ter repuntado a un catro por cento no inicio da semana, descendeu a un 1,8% tras manterse as últimas xornadas nun 2%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.

VÍTIMAS E CURADOS

Desde o inicio da pandemia faleceron en Galicia 2.367 persoas diagnosticadas de Covid-19 despois de notificar a Consellería de Sanidade este xoves a morte doutras catro persoas. Todas elas tiñan patoloxías previas. En concreto, unha destas catro mortes produciuse o pasado 5 de abril, unha muller de 50 anos ingresada no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; e as outras tres tiveron lugar o día 7: dous homes de 59 e 81 anos e unha muller de 62, o tres no Chuac. Ata o momento curáronse da Covid-19 en Galicia un total de 113.688 pacientes, o que implica 134 persoas máis que as contabilizadas ata a xornada pasada.

Un cribado en Galicia / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press
Un cribado en Galicia / Rosa Veiga - Europa Press. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta