UU.AA. denuncia que os gandeiros galegos seguen cobrando o leite por baixo do custo

Esixe ás administracións que interveñan e deixen de "mirar para outro lado".

Por E.P. | PONTEVEDRA | 09/04/2021 | Actualizada ás 13:04

Comparte esta noticia

A organización Unións Agrarias (UU.AA.-UPA) volveu denunciar este venres a "discriminación negativa" que sofren os produtores lácteos de Galicia e esixiu ás administracións "que fagan cumprir a lei" en lugar de "mirar para outro lado", xa que os gandeiros seguen cobrando por baixo dos custos de produción. Así o trasladou o responsable de Servizo de UU.AA., Óscar Pose, nunha rolda de prensa na que alertou da situación que viven os produtores galegos e, en concreto, os da provincia de Pontevedra, onde hai máis dun milleiro de explotacións, o que supón algo máis do 15 % dos produtores de Galicia.

Segundo sinalou Pose, a pesar da pandemia de COVID, o sector lácteo puido manter e mesmo incrementar as súas cifras grazas ao aumento do consumo tanto de leite como de iogures ou queixo. Con todo, criticou, ese aumento do negocio "non se viu reflectido no prezo que as industrias pagan polo leite aos produtores".

Por contra, incidiu, si que subiron os custos de explotación por incrementos nos prezos dos pensos, da enerxía ou por outros gastos. Así, lembrou que eses custos supoñen ao redor duns 35 céntimos por cada litro de leite producido, mentres que a industria está a pagar unha media de 33 céntimos ou mesmo por baixo aos gandeiros galegos.

ACTITUDE "INMORAL" DA INDUSTRIA

Neste contexto, e tendo en conta que a industria "impón contratos por un ano sen posibilidade de máis negociación", tachou de "inmoral" que as empresas non queiran mellorar os prezos e "se aproveiten" do contexto de crise sanitaria para neutralizar as posibles protestas. "Se non estivésemos como estamos, habería grandes mobilizacións nas rúas", asegurou Pose.

O responsable de Servizo de Unións Agrarias-UPA tamén censurou a actitude das administracións por "mirar para outro lado", a pesar de que "a lei di que non se pode pagar o leite por baixo do custo de produción". "O ministerio ten todos os datos e algo debe facer. Esiximos unha intervención para renegociar os contratos", proclamou.

Así mesmo, criticou os anuncios "aos catro ventos" da Consellería de Medio Rural de medidas como a estratexia de dinamización do sector lácteo, "claramente falta de orzamento" e unha mostra de "propaganda". Finalmente, Óscar Pose reclamou ás administracións "contundencia" no control das axudas ás industrias, para que esas subvencións "estean condicionadas a que as empresas cumpran cos produtores".

O responble de Servizo de Unións Agrarias, Óscar Pouse, nunha rolda de prensa.. UNIÓNS AGRARIAS
O responble de Servizo de Unións Agrarias, Óscar Pouse, nunha rolda de prensa.. UNIÓNS AGRARIAS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta