A Xunta presume dos datos de emprego días despois de rexistrar as peores cifras de todo o Estado

O Goberno autonómico saca peito polo incremento do emprego no mes de abril, pero evita sinalar que este rebote se produce despois de rexistrar a maior suba do paro de todas as Comunidades.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/05/2021 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A Xunta destaca que Galicia crea emprego e lidera a caída do paro a nivel anual e mensual, ao rexistrar máis afiliacións á Seguridade Social, máis contratacións e menos paro nas comparativas con marzo e abril de 2020; pero evita sinalar que este rebote se produce despois de rexistrar a maior suba do paro en todo o Estado.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, interpreta que os datos do paro rexistrado reflicten que o mercado laboral galego está a resistir á covid, xa que o desemprego cae en todos os sectores de actividade, no catro provincias e no sete grandes cidades, así como en colectivos prioritarios para a Xunta como mulleres e novas.

Lado sinala que a comunidade rexistra menos paro que ao comezo da pandemia e chama a atención sobre a baixada mensual, que é a maior da serie histórica, que se inicia en 1996. "O mercado laboral galego continúa, así, a evolución positiva rexistrada nos meses de abril desde o ano 2013, que só se viu interrompida en abril de 2020 polo inicio da pandemia", apunta a Xunta nunha nota de prensa. Así as cousas, a directora xeral apela á prudencia e avoga por seguir traballando na inxección de liquidez ao tecido empresarial a través de axudas directas e programas de impulso ao emprego e a formación.

A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. CONCHI PAZ
A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Mentres, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, reivindicou este mércores que os datos "acreditan" que o mercado laboral "está a funcionar" en Galicia, dado que as cifras difundidas nesta xornada sitúan a Galicia "como a comunidade con maior baixada do paro no último ano no conxunto de España".

"En Galicia hai 20.800 persoas menos en paro das que había fai un ano. No mes de abril tamén quedamos como a comunidade con maior baixada do paro, baixamos o paro máis de 5,8% e España non chega ao 1% de baixada. Entón, os datos acreditan que o noso mercado laboral está a funcionar", reivindicou.

REACCIÓNS SINDICAIS

Sindicatos rexeitan "triunfalimos" pola caída do paro en abril e a subida das afiliacións á Seguridade Social, ao advertir de que o mercado laboral en Galicia "non consegue recuperar os niveis previos á pandemia". Ademais, pon cifras á "elevada precariedade": 20 contratos por cada emprego creado.

Por unha banda, a CIG reclama "un apoio claro" da Xunta ao sector industrial, ao advertir de que está "en proceso de desmantelamento" polo que ocorre con plantas como a de Alcoa e a térmica das Pontes. Pedindo unha vez máis a derrogación das reformas laborais, a central nacionalista avisa das "graves consecuencias que está a ter o proceso da chamada dixitalización e descarbonización co consecuente desmantelamento do sector e destrución de postos de traballo".

Por iso, o seu responsable de emprego, Fran Cartelle, denuncia "inxustas políticas" e en concreto critica os ERTE, "porque as empresas poden combinar outros instrumentos da reforma laboral". "As cifras non permiten caer en triunfalismos polas variacións que ven mes a mes froito das modificacións das restricións e da situación sanitaria e porque hai un ano a parálise do país era practicamente total", chama a atención UGT.

Pola súa banda, esta organización incide en que o plan de recuperación fronte á crise do coronavirus "debe xerar empregos de calidade e con dereitos". A "parálise laboral", como se refire UGT á suma de parados e traballadores en ERTE, "achégase en Galicia ás 200.000" persoas.

Por último, CC.OO. alerta do "abandono" do mercado laboral e pide á Xunta medidas de apoio aos sectores produtivos da comunidade galega.Este sindicato lamenta a "elevada precariedade laboral", pois en abril rexistráronse, segundo os seus números, 20 contratos por cada emprego creado, "o que dá a idea da escasa duración que tiveron".

PATRONAL E AUTÓNOMOS

Mentres, a confederación de empresarios de Ourense chama a ser "prudentes porque o virus continúa" presente, polo que avoga por seguir respectando as medidas sanitarias para que a situación "non se descontrole" e isto non afecte as actividades económicas. A patronal ourensá solicita, ademais, unha nova prórroga dos ERTE "mentres non estea a maioría da poboación vacinada" contra a covid.

Por último, a Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (AGTAMAR), integrada en UPTA, apunta que o colectivo sumou en abril 450 novos afiliados, ata 208.244. De acordo coas súas cifras, a repartición por provincias é o seguinte: A Coruña, con 84.683 traballadores autónomos, Lugo con 33.028, Ourense con 23.256 e Pontevedra con 67.277.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta