Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2021 | Actualizada ás 21:25
Un dos grandes retos que enfronta o xornalismo dos nosos días é o impacto da desinformación, eses contidos con aspecto de noticias pero que en realidade son falsos. As fake news son un termo abondo coñecido dende que en 2016 Donald Trump accedera á Casa Branca valéndose delas, pero o problema, lonxe de contar cunha solución, segue aberto
.
Trazar un seguimento da desinformación e estudar o seu comportamento é un dos obxectivos principais do IBERIFIER, un dos oito ‘hubs’ rexionais que formarán parte do European Digital Media Observatory da Comisión Europea e que acaba de ser financiado con preto de millón e medio de euros. Este observatorio. no que toma parte a USC a través do grupo de investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación, está integrado por 23 institucións de España e Portugal para centrarse na análise dos medios dixitais.
O catedrático en Comunicación Xosé López será o encargado de coordinar a acción no marco da USC, que contribuirá a este novo observatorio pensado para investigar as características e tendencias do ecosistema ibérico dos medios dixitais, tentar detectar de xeito temperá as desinformacións e traballar en iniciativas de alfabetización mediática de cara a conseguir que o público estea alerta ante estas problemáticas.
POTENCIAR A "EDUCOMUNICACIÓN"
O catedrático Xosé López xa apuntou en ocasións anteriores a Galicia Confidencial algúns dos problemas que este novo ecosistema de medios carrexa para a saúde da información e a democracia e que quedou exemplificado no caso dos círculos negacionistas. A resposta de López fronte a estes problemas pasa por unha alternativa de equilibrio: potenciar a “educomunicación” pero sen descartar a conveniencia dun mecanismo de control. Iso si, “sempre e cando haxa partipación da sociedade civil e non se convertan en sistemas de censura”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.