O PSdeG non ve impedimento para vacinar aos mariñeiros e acusa á Xunta de "dar as costas" a este colectivo

Gonzalo Caballero, acusou ao Partido Popular de levar a cabo "durante meses" unha campaña de tensión dicindo que o Goberno socialista "quería atacar ou reducir as prórrogas das concesións en dominio público terrestre".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2021 | Actualizada ás 15:14

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou este xoves ao Goberno galego de "dar as costas" aos mariñeiros coa vacinación e subliñou que non hai nada que impida priorizar a este colectivo. "Mentres o País Vasco vacinou desde o primeiro momento ao colectivo prioritario do mariñeiros, en Galicia a Xunta, que o podía facer, non o fixo", manifestou en declaracións aos medios este xoves en Boiro.

Na súa intervención, Gonzalo Caballero asegurou que "é a hora de que a Xunta priorice tamén a vacinación dos mariñeiros", especialmente daqueles que están embarcados durante moitas xornadas.

Sobre esta cuestión, acusou ao Goberno galego de abrir "un debate ficticio", no que "non quere dar a cara do mal que o fixo" cando "non apostou por priorizar a vacinación dos mariñeiros", cousa que si fixeron outras comunidades como o País Vasco. "Aquí a Xunta relegounos e agora hai que cumprir, non hai nada que impida á Xunta á hora de priorizar ao colectivo", subliñou.

Gonzalo Caballero fixo estas declaracións durante unha visita a Boiro, onde asegurou que os socialistas galegos son "aliados" do sector mar-industria e acusou ao Partido Popular de levar a cabo "durante meses" unha campaña de tensión a través da que asegurou que o Goberno socialista "quería atacar ou reducir as prórrogas das concesións en dominio público terrestre".

"Unha gran mentira, un gran engano. O Goberno de España concedeu todas as prórrogas que afectaron o sector, todas e cada unha delas", incidiu para asegurar que na "única que houbo problemas é porque a Xunta puxo obstáculos e deu informes negativos".

Ademais, destacou que, "cando houbo que modificar a Lei de Cambio Climático para despexar calquera sombra de dúbidas", os votos do PSOE "estiveron a favor" mentres que "o PP quedou á marxe".

"Os socialistas somos os principais aliados para defender ao sector conserveiro, pesqueiro, das depuradoras, sectores fundamentais para a economía do noso país e todas as decisións ímolas a tomar para protexer o emprego, a actividade industrial e o futuro do sector", afirmou para incidir en que "hai que despexar as dúbidas malintencionada que o PP quixo expor durante tantos meses".

REFORZAR A SANIDADE

Ademais, na súa intervención, Gonzalo Caballero volveu a pedir á Xunta que reforce o proceso de vacinación e a atención primaria con máis persoal. "Estamos a ver como os profesionais sanitarios reclaman máis persoal para poder superar o sistema de asistencia telefónica na atención primaria", indicou para considerar necesario "un compromiso coa sanidade pública que permita fortalecer a atención primaria", de forma que esta "non continúe con menos profesionais" por un proceso de vacinación que, como apuntou, "vén para quedar".

"Hai centos de profesionais sanitarios que están dedicados ás vacinas e que non están nos centros de saúde, na atención primaria", sinalou para incidir en que "é máis necesario que nunca fortalecer o sistema de vacinación e tamén a sanidade pública galega".

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa visita a Boiro. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa visita a Boiro. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta