Seguen as actividades no mes de Xela Arias: Verín programa un documental na honra da poeta

"Xela Arias. Poeta nas marxes" é a obra audiovisual que se proxectará o domingo 30 na Casa da Cultura de Verín. Realizaranse catro pases con reserva previa ás 12, 18, 19 e 20 horas.

Por X.M. Fernández | Verín | 26/05/2021 | Actualizada ás 09:30

Comparte esta noticia

Estreado en abril, o documental, dirixido por Beatriz Pereira, de media hora de duración e recomendando desde os 12 anos, procura achegarse ás diversas dimensións de Xela Arias, a través de voces expertas na autora (María Xesús Nogueira, Manuel Bragado e Xosé María Álvarez Cáccamo) ou de persoas que a coñeceron ben (Marga do Val, Susana Trigo e Humberto Heredia [Desertores]).

Ilustración de Xela Arias. Autor: Xosé Manuel Fdez.
Ilustración de Xela Arias. Autor: Xosé Manuel Fdez.

"Xela Arias. Poeta nas marxes" percorre a vida e obra da homenaxeada no día das Letras deste ano, deténdose en todas as arestas que fixeron de Xela Arias unha muller situada nas marxes da literatura, analizando o seu labor como poeta, tradutora e correctora, así como o seu impacto na vida cultural galega. Porque a quinta escritora á que Real Academia Galega homenaxeou desde 1963 co Día das Letras Galegas tiña múltiples faces, entre elas unha faceta rockeira, escribindo letras para os Desertores.

Até o xoves incluído, nos teléfonos 988 410 000/1 ou 988 410 334, das 9 as 14 h, pódense reservar asentos para asistir gratuitamente ás proxeccións. Tamén, antes do comezo das funcións, até completar un aforo reducido e controlado polo plan de prevención á Covid-19.

O documental exhíbese en Verín dentro dun ciclo itinerante financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que se desenvolve en parte dos concellos que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística, na que está integrado o Concello de Verín. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta