Mos e A Pobra do Caramiñal seguirán en nivel máximo de restricións desde o vindeiro sábado

Viveiro e Ordes teñen restricións altas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/06/2021 | Actualizada ás 21:42

Comparte esta noticia

Os municipios de Mos e A Pobra do Caramiñal son os dous únicos que seguirán no nivel máximo de restricións desde a medianoite do próximo sábado, segundo acordou o comité clínico na súa reunión deste martes. As razóns son unha alta porcentaxe de poboación nova, aínda sen vacinar, e nove brotes, varios deles con orixe laboral, respectivamente.

Cadeiras e mesas apiladas, na terraza dun bar do Grove, o día en que entra en vigor o peche perimetral do municipio, a 8 de abril de 2021, no Grove, Pontevedra, Galicia, (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press
Cadeiras e mesas apiladas, na terraza dun bar do Grove, o día en que entra en vigor o peche perimetral do municipio, a 8 de abril de 2021, no Grove, Pontevedra, Galicia, (España).. Beatriz Ciscar - Europa Press

Xustifícao así a Dirección de Saúde Pública na exposición que motiva a adopción de medidas e que foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), no que se revisaron os niveis dos concellos, sen novidades no resto de restricións que rexen na Comunidade galega.

Pola súa banda, o municipio ourensán de Lobios abandona o tramo de máximas medidas contra a propagación do coronavirus, que supón o peche perimetral do concello, o toque de queda entre as 23 e as 6 horas e o peche da hostalaría, así como a prohibición de encontros entre persoas que non conviven no mesmo domicilio.

Así mesmo, o comité que asesora á Xunta en canto ás medidas para frear a propagación da pandemia tamén acordou situar no nivel alto de restricións aos municipios de Ordes e Viveiro, nos cales só está aberta a hostalaría nas terrazas e a un 50 por cento.

As medidas do nivel medio, ao cal pasará directamente Lobios, tamén deberán cumprirse nos municipios de Moraña, Ponteareas, Cenlle, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos, nos cales a hostalaría estará aberta ao 30 por cento en interiores e ao 50 por cento en terrazas.

No resto dos municipios galegos estarán vixentes as restricións fixadas no nivel medio baixo, que permiten ocupar ao 75% as terrazas e a metade do aforamento do interior dos locais hostaleiros. Todas as medidas entrarán en vigor, segundo informou Sanidade, ás 00,00 horas do sábado 5 de xuño.

MOS

No caso de Mos, Saúde Pública aconsella mantelo pechado por ser un concello central na área de Vigo, no que limita con varios municipios con incidencia "moi inferiores", tanto a sete como a 14 días.

Ademais, lembra que a economía de Mos posúe "un carácter fortemente industrial", debido en boa parte ao desenvolvemento de empresas (con posición central no eixo Vigo-Porriño) e a súa dotación en infraestruturas, xa que presenta importantes polígonos industriais como os de O Rebullón, Puxeiros, Monte Faquiña e A Veigadaña.

Desde o punto de vista epidemiolóxico, supón unha "trasfega importante de traballadores" do propio concello e dos concellos limítrofes. A Dirección Xeral tamén destaca que os brotes activos neste concello están a darse no ámbito familiar, educativo e social, pero poden "producir casos nos ámbitos laborais".

Ademais, lembra que o concello é demograficamente novo, cunha porcentaxe de persoas de máis de 65 anos do 21 por cento e un índice de envellecemento do 23 por cento. En canto á proporción de vacinados, nos menores de 65 anos é do 4 por cento e nos de máis de 65 é do 76 por cento --21 por cento da poboación global--, o que "significa que está lonxe de adquirir a inmunidade de grupo na poboación máis nova, que é a que ten máis mobilidade, tanto por razóns de traballo como de lecer, o que inflúe nun aumento da transmisión".

A POBRA

Pola súa banda, na Pobra do Caramiñal, a Dirección Xeral detecta que as súas "taxas están a indicar" un nivel alto de medidas de restrición, pero advirte de que "non leva o tempo suficiente neste nivel para asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica sexa adecuada".

Sinala, na súa exposición, que a 31 de maio rexistrou 39 casos a 14 días e 10 a sete días, o que supuxo un descenso na incidencia do 191 por cento a sete días e do 13 por cento a 14. Esta mellora a sete días "fai prever que, se segue nesta liña de descenso e non seguen aparecendo novos casos, en pouco tempo podería reducir o nivel de restrición".

Con todo, mantéñense porque hai que "ter precaución", posto que nos concellos limítrofes de Boiro e Ribeira, aínda que melloraron, a súa situación epidemiolóxica "non é óptima", posto que "seguen aparecendo casos de forma continua". Ademais, a comarca do Barbanza atópase nunha situación global de nivel medio.

Desde o punto de vista epidemiolóxico, tamén hai que ter en conta que se trata dun municipio cuxa actividade económica está relacionada coa actividade e industria pesqueira e acuicultura, o que "complica" a rastreabilidade dos casos.

De feito, a idade media dos casos é de 39 anos e todos son menores de 60 --rango de 7 anos a 60--. Ademais, o 68 por cento dos casos son menores de 45 anos, o que implica que a poboación máis afectada é a nova e, por tanto, con "maior mobilidade".

Actualmente, sinala Saúde Pública, detectaron nove brotes, "a maior parte laborais e sociais". Os laborais afectan á industria da pesca, fundamentalmente ás conserveiras, en que é "difícil manter a distancia de seguridade, ademais de ser un ambiente con alta humidade e baixa temperatura, que facilita a transmisión do virus".

A isto súmase a "baixa participación" nos cribados, a "alta" porcentaxe de resultados positivos e o "elevado" número de casos, que "fai pensar que poden existir casos activos leves ou asintomáticos sen identificar", polo que "convén ser cautos á hora de levantar as medidas de restrición".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta