Así é a complicada readaptación ao traballo presencial despois da COVID

O teletraballo afectou de diferentes maneiras a cada persoa. A volta aos postos presenciais pode necesitar dun período de adaptación logo dun tempo lonxe del. Hai diverxencias en canto ás implicacións deste novo modelo de traballo. Hai quen alerta da sobreexplotación laboral e quen apunta a unha nova relación máis favorable entre traballador, empregador e cliente.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 10/06/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O confinamento foi un cambio drástico para moitos traballadores e traballadoras que pasaron de exercer as súas funcións nun espazo laboral convencional a facer o mesmo desde as súas casas. Isto trouxo unha readaptación que en moitos casos aparellou as obrigas laborais coa conciliación, con coidados a familiares dependentes ou a mesma convivencia máis continua coa familia. A suma de todos estes factores resultou moitas veces na imposibilidade de conciliar todos estes puntos e ter a necesidade de dividir por tempos as diferentes tarefas. Co decaemento das medidas de restrición e a volta a unha “normalidade” semellante á vida antes da pandemia, moitas voces dan o seu apoio ao teletraballo desde a casa, mais tamén hai voces que apuntan a esta tendencia como unha vía de precarización e de prexuízo para a saúde laboral.

Teletraballo
Teletraballo | Fonte: QPNC

UNHA BREVE ANÁLISE

“Consideramos que o teletraballo é unha fórmula artificial de traballar, cunha serie de riscos tanto psicosociais como musculoesqueléticos” di Ernesto López de Saúde Laboral da CIG. López destaca que teletraballar supón a asunción de tarefas dentro dun entorno que non está preparado. “Se traballamos diante do computador, moitas veces é un portátil, non un PC preparado para a tarefa específica que imos abordar”. O resultado serían problemas sobre todo de cervicais e das costas debido a diferentes ángulos de posición.

Falouse moito sobre as consecuencias psicolóxicas do confinamento nas nosas casas, entre elas o estrés causado pola adaptación ao fogar como lugar de traballo. “O estrés estivo máis ligado á propia pandemia que ao feito de teletraballar” destaca Mar Martín de UGT-Saúde Laboral. “O medo a contaxiarse ou saír á rúa son factores que crean máis ansiedade que estar traballando desde a casa”.

Outro punto considerado moi importante foi a conciliación laboral durante o período de teletraballo. A psicóloga Mila Moa destaca sobre este punto que “a conciliación foi moi difícil e isto ten que ver cos coidados en xeral”. Nenos pequenos, persoas maiores e persoas dependentes reclamaban coidados que fixeron rexurdir os casos de desigualdade, pois a maioría destas tarefas foron e son asumidas polas mulleres de dentro do fogar. “Debemos lembrar que non todos os casos son igual nin teñen as mesmas oportunidades”.

CONCILIACIÓN, PRECARIZACIÓN E VALORACIÓN PSICOSOCIAL

O habitual sería que unha familia monoparental pode contar con avós e garderías para exercer a crianza dos nenos. Se en vez diso é unha soa persoa para coidar eses nenos ademais de traballar “é unha situación grave, por iso hai que revalorizar o coidado como algo persoal cunha rede asistencial”, destaca Mila Moa. “Hai unha visión falsa sobre a conciliación mentres se teletraballa porque os coidados que necesita o neno ou nena non poden ser atendidos de maneira completa” analiza López.

Outro punto sobre o que se estivo alertando foi a precarización laboral baixo a fórmula do traballo a distancia. As empresas aforraron en gastos mentres os e as empregadas estaban nas súas casas. Esa redución viuse reflectida en termos de mantemento, gasto eléctrico, alugueres e outros elementos que conforman as áreas de  investimento funxible das empresas. “Traballar na casa é precariedade porque mesmo pode chegar un momento en que traballes máis horas das estipuladas” di López. Pode experimentarse “a sensación de non ter desconexión” e desligarse unhas horas das obrigas laborais.

Por outra parte, Mar Martín incide en que as empresas deberan facer un estudo máis amplo en canto valoración psicosocial dos traballadores. Isto só se consegue mediante “un aumento nas inspeccións de traballo e incrementando o número de inspectores para fiscalizar a seguridade nas empresas”. Estes estudos avaliarían a saída “dunha zona de confort” que era o fogar como lugar de traballo “para entrar de novo no antigo lugar onde desenvolvías a túa actividade laboral”.

A dificultade está en que as empresas, a maioría, non investirán neste tipo de valoracións sobre valores psicosociais entre os cadros de persoal. “Maioritariamente ten que facelo a administración pública”. Desta maneira poderían afrontarse fenómenos como a desafección do ou da empregada cara a súa obriga laboral cuxa orixe está na readaptación a un novo espazo. “Realmente deberíase avogar polo teletraballo alí onde se pode aplicar”.

A volta de moitas persoas ás oficinas, aos postos onde se desenvolvían profesionalmente, pode traer unha mellora no rendemento de quen estivo teletraballando. Tamén é certo que se pode producir o fenómeno contrario, de aí que se recomenden períodos de transición até o restablecemento definitivo das antigas rutinas. Por outra banda, teletraballar pode impedir a desconexión necesaria para o descanso da ou do traballador. As consecuencias dos diferentes aspectos que trouxo o teletraballo aínda están por descubrir.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta